Carriola.Iria Aboi (*).18.12.21
Quedou ao descuberto o parche de dous días que a xerencia puxo no cupo do doutor xubilado en Seixo ao cancelar todas as consultas deste mércores 15 e venres 17 e non saber que vai pasar a semana que vén nin durante as semanas de Nadal. Volveremos denunciar a situación da atención primaria e a vulneración dos dereitos da veciñanza” este sábado 18 de decembro, no Parlamento, nun coloquio con outras plataformas galegas.
Desde a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, denunciamos un novo recorte na atención sanitaria á veciñanza despois de que se cancelasen todas as citas deste mércores 15 e venres 17 de decembro do cupo do Dr Martín, xubilado o 15 de agosto.
O problema orixinouse hai 5 meses cando a Xerencia se negou a cubrir o facultativo xubilado e nas vésperas da manifestación do 14 de novembro en Santiago anunciaron que mandaban un parche de dous días a Seixo para tentar desmobilizar a veciñanza. Segundo informaron, esta facultativa – compartida tres días con Marín– só pasa consulta os mércores e venres polo que o parche da xerencia que comezou o mércores 17 de novembro durou escasos 7 días, en case un mes, xa que nesta semana a xerencia cancelou todas as consultas axendadas para o mércores e venres e non se sabe aínda o que vai pasar nin a semana que vén nin durante o Nadal.
A xerencia non contrata, non cobre xubilacións, nin baixas, nin permisos. As consecuencias padéceas o resto do persoal que está saturado e ten que asumir máis carga de traballo e as veciñas e veciños que quedan sen consultar. No noso centro de saúde non hai persoal administrativo, é a celadora a que fai ese traballo, se se cancelan as citas, ten que chamar a todas esas persoas e volver a citalas cando a xerencia permita, coa saturacións das liñas telefónicas que isto supón. Así mesmo, criticamos a actitude da xerencia que nin resolve problemas nin os prevé. Cun ascenso no número de persoas positivas por Covid, quen lle vai dar a baixa médica a esas persoas?. Como quedan as persoas á espera de receitas, consultas con especialistas ou pendentes de resultados de probas? A xerencia está xogando coa nosa saúde e isto é intolerable.
Preguntámonos tamén onde está a Alcaldesa María Ramallo cando se trata de defender os dereitos da veciñanza? e lembramos que dende o encontro co xerente que descubrimos, ás agochadas, non se volveu saber dela, nin tampouco informou publicamente de nada, debe ser que a a atención sanitaria no seu concello non lle preocupa, mentres noutros lugares teñen os seus gobernos municipais opoñéndose aos recortes e facendo presión ante a Xunta.
XORNADAS EN SANTIAGO CON OUTRAS PLATAFORMAS.
Ao fío desta situación, informamos que a nosa plataforma foi convidada a acudir ao Parlamento Galego este sábado 18 de decembro ás xornadas “Atención Primaria: peza angular do sistema sanitario”, que terán lugar dende as 10h ata as 13:30h organizadas polo grupo parlamentario do Bng. Interviremos na mesa redonda “Mobilización social en defensa da atención primaria” na que participaremos coas plataformas da Barbanza, Valdeorras, Compostela, A Mariña e A Guarda, ademais do Colectivo Pediatras e Matronas Xa.
A estas xornadas acudirá un grupo de veciñas e veciños das catro parroquias afectadas de Marín para explicar as demandas da nosa plataforma desde que se constituíu en xuño pasado así como as mobilizacións feitas e futuras para mellorar a atención primaria no concello e defender os dereitos da veciñanza. Nestas xornadas haberá outra mesa redonda “Profesionais: chave nunha atención primaria de calidade” na que participará a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria, entre outros representantes do colectivo sanitario.
Dende a Plataforma agradecemos o convite e agardamos que estas xornadas sirvan para compartir reclamacións con outras plataformas e establecer lazos de apoio pois este é un problema que non só afecta ao concello de Marín e a súa solución ten que ser global e non con parches como ata o de agora fixo a Xunta.
(*) Portavoz da Plataforma