Carriola.Iria Aboi (*) 29.03.22
Multitudinaria manifestación en Marín contra os recortes da Xunta nos Centros de Saúde da localidade e en defensa dunha atención sanitaria digna.A Plataforma considera que é hora de que a Xunta deixe a propaganda e cubra o persoal necesario en Marín e Seixo ou as protestas continuarán”
A veciñanza de Marín participou este domingo dunha mobilización multitudinaria, contra os recortes da Xunta nos centros de saúde de Marín e Seixo e en defensa dunha atención sanitaria digna. 3.000 persoas participaron nesta mobilización que esixiu que cesen os recortes e que a Xunta cubra todas as prazas nos Centros de Saúde da localidade ou do contrario as protestas continuarán.
As dúas cancelacións da manifestación, o cambio de hora desta fin de semana e os “trastornos” polos cortes de tránsito polo Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino, non impediron que a veciñanza marinense respondese na rúa para defender a sanidade pública. A marcha arrancou pasadas as 12:20 da mañá encabezada pola pancarta da Plataforma “Coa nosa saúde non se xoga - contra os recortes e a privatización da sanidade pública”, á que lle seguiron outras “en defensa do centro de saúde de Seixo”, “nunca máis negocio coa saúde” que portaban técnicos de ambulancias, e outras de diferentes lugares como A Torre ou Ardán e de Plataformas de Sanxenxo, o Condado e Pontevedra que apoiaron a manifestación cunha representación porque a redución de persoal e recursos da atención primaria aféctanos en todas as vilas galegas.
A manifestación baixou pola rúa Jaime Janer ata a Alameda, mais tivo que mudar o percorrido inicial para proseguir pola rúa Méndez Núñez ata o lateral do concello, acompañada de berros como “sanidade, pública e de calidade”, “Coa nosa saúde non se xoga”, “Feijóo escoita Marín está en loita” ou “Non aos recortes nos Centros de Saúde.” Alí fíxose lembranza dos mariñeiros do Vila de Pitanxo e as súas familias, motivo polo que se cancelara a manifestación e deuse lectura conxunta ao manifesto da Plataforma onde se lle reclama á Xunta “a cobertura de maneira urxente de todas as prazas do Centro de Saúde de Marín, nomeadamente medicina de familia, pediatría, radioloxía e fisioterapia (entre outras), un segundo médico a tempo completo para Seixo e un segundo médico nas urxencias do PAC de Marín, con que prestar unha axeitada atención á veciñanza.”
Así mesmo criticouse que o goberno municipal e a súa Alcaldesa María Ramallo sigan sen poñerse do lado da veciñanza que sofre os recortes, máis de 8 meses despois. A saúde da veciñanza está por enriba dos intereses do seu partido, por iso lles esiximos que se poñan a traballar e a facer presión á Xunta para cubrir o persoal en Marín e Seixo. Dende a Plataforma afeámolle ao goberno municipal que faga distincións entre concentracións porque somos as mesmas veciñas e veciños os que sufrimos a suba da luz e os que sufrimos os recortes na sanidade pública, en alusión ao apoio prestado á concentración da semana pasada e a negativa a apoiar as reivindicacións veciñais sobre a sanidade no concello.
A marcha contou coa asistencia de persoal sanitario como enfermeiras ou técnicos de ambulancias, e, tamén, co apoio dos partidos da oposición, cos seus portavoces locais e varios deputados galegos. Insistimos en que, despois desta manifestación, e de todas as que protagonizou a veciñanza das parroquias, é hora de que a Xunta deixe a propaganda e cubra o persoal necesario en Marín e Seixo. A veciñanza saíu á rúa porque esta farta dos recortes da Xunta. Mobilizámonos para que non nos deterioren o servizo e porque temos dereito a unha atención sanitaria digna.
Por último, informamos que, despois da Semana Santa, comezaremos cun calendario para a recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular que se está a preparar con outras Plataformas Galegas e SOS Sanidade Pública, para levar ao Parlamento e reiteramos que, como non haxa melloras na sanidade pública de Marín, as protestas continuarán e mobilizarémonos o que sexa necesario para reclamar os nosos dereitos e evitar o deterioro e desmantelamento deste servizo básico para toda a veciñanza do concello.”
(*) Portavoz da Plataforma