Carriola.Informa Consellería de Infraestructuras.18.06.22
As obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que financiará e executará as actuacións, e o Concello de Marín, que asume o custo das expropiacións. O obxectivo é mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira, renovando o colector nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura. A obra forma parte do Plan de saneamento da ría, dotado de case 50 M€ e que inclúe actuacións como a mellora da depuradora dos Praceres, o novo emisario submarino, o bombeo de Cocheras ou o saneamento da Seca e do porto de Campelo, en Poio Santiago de Compostela,
A Xunta vén de recibir 13 ofertas de empresas para executar as obras de saneamento na contorna do río Lameira, en Marín, que suporán un investimento de máis de 3,3 millóns de euros. As obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que financiará e executará as actuacións, e o Concello de Marín que asumirá o custo das expropiacións. Trátase de mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira, renovando o colector nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.
Os traballos recollen a mellora da estación de bombeo do río, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta deficiencias hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio, e de explotación pola ausencia de equipos para a xestión eficiente. Ademais, o proxecto abrangue a mellora ambiental do río Lameira en toda a súa lonxitude, degradado pola existencia de residuos ou a invasión de maleza. Acometeranse un acceso polo bordo exterior da zona de servidume, así como intervencións para eliminar obstáculos, reconstruír muros e retranquear peches.
Parte do Saneamento da Ría
Esta actuación, xunto con outras como a mellora da depuradora dos Praceres ou a actual construción do emisario submarino, o bombeo de Cocheras ou o saneamento da Seca e do porto de Campelo en Poio, enmárcase no Plan de saneamento da ría de Pontevedra, que suma un investimento da Xunta de preto de 50 millóns de euros.
Cómpre lembrar que a execución do emisario, cun investimento de 12 millóns de euros, continúa avanzando; e a mellora na depuradora, cun orzamento de 16,5 millóns, xa amosa resultados satisfactorios das augas tratadas polas instalacións, que se atopan na fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán.