Carriola.Redacción (R).09.07.22
Tras o período de pandemia e coa intención de incrementar as garantías de seguridade dos usuarios das atraccións de feira, o Concello de Marín volveu contratar a Enmacosa Consultoría Técnica os traballos de inspección da montaxe e funcionamento destas instalacións itinerantes para as Festas da Virxe do Carme.
A principal novidade este ano é o cambio de localización das atraccións, agora na praza de España pero na zona tras a parada do bus. A modificación permitirá ampliar de 13 a 15 o número de aparatos e posibilitará tamén que o Concello de Marín facilite a toma de terra da rede eléctrica as distintas instalacións, pois na área más preto da Escuela Naval os feirantes debían resolver individualmente esta cuestión. Marín é un dos concellos máis sensibilizados coa seguridade das persoas que utilizan este tipo de atraccións. Ademais das Festas do Carme, nas que os controis técnicos se realizan dende hai máis dunha década, no ano 2018 ampliou ás inspeccións a outras celebracións organizadas por diferentes comisións de festas, como as de Cantodarea.

Atracciones instaladas donde se situaba el half, trasladado al parque azul
Inspeccións feitas por Enmacosa, 20 anos de experiencia
Os técnicos de Enmacosa Consultoría Técnica, empresa líder no mercado neste tipo de controis, iniciaron o mércores pola tarde as inspeccións das atraccións, coa supervisión de toda a documentación como os seguros de responsabilidade civil e acreditacións técnicas. Unha vez comprobada procederon a análise da montaxe e funcionamento destas instalacións, traballos que se prolongaron durante todo o día de onte.
Os técnicos de Enmacosa, que contan cunha experiencia de case 20 anos neste tipo de inspeccións, examinan o cumprimento de numerosos requisitos de seguridade, mecánicos ou eléctricos. Deste xeito, comproban que non existan arestas punzantes ou que puidesen resultar cortantes, nin desniveis ou ocos abertos sen protección. Así mesmo, comproban a estabilidade dos accesos, a sinalización das saídas de evacuación, o correcto funcionamento dos dispositivos de bloqueo e sistemas de contención de pasaxeiros, etc.
Seguridade en xeral
Examínanse tamén outros requisitos sobre a seguridade do público e do perímetro, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros…
Con respecto á estabilidade estrutural, Enmacosa Consultoría Técnica controla que bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados, que a instalación non presente puntos importantes de corrosión nin deficiencias de relevancia nos cordóns de soldadura, que letreiros, focos ou carcasas teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares mostren un perfecto estado de conservación e figuren homologados para a súa utilización, entre outras cuestións.
Non se admiten, por exemplo, cintos de seguridade desgastados que provoquen folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, poidan afrouxar co peso ou empuxe do usuario.
Inspección visual
É importante indicar que as revisións se realizan na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións de montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar cuestións relativas ao deseño do aparello, que serían obxecto da correspondente homologación. Nunha análise visual deste tipo, que indubidablemente incrementa o nivel de seguridade para os usuarios, existen puntuais aspectos incontrolables. Neste terreo entrarían o estado de fatiga ou as tensións internas de eixos e compoñentes mecánicos, así como as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha análise máis exhaustiva en instalación fixa, con maquinaria adecuada e co tempo necesario, é dicir, unha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non reviste carácter obrigatorio para estas atraccións.
Outros aspectos da inspección técnica
A revisión complétase finalmente cunha ampla comprobación do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, que inclúe probas e ensaios de seguridade. O protocolo require tamén aos responsables das atraccións que coloquen carteis claramente visibles con recomendacións de interese para os usuarios das atraccións que detallen especificamente os riscos e, no seu caso, as limitacións de idade e altura.
Para a execución deste tipo de inspeccións, Enmacosa Consultoría Técnica conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.