Carriola. Informa GALP. 03.09.22
O vindeiro luns, 5 de setembro, o Espazo Emprendedor de Marín acollerá un novo encontro do proceso de actualización da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) na que está a traballar o GALP Ría de Pontevedra. A EDLP é o documento que orientará a aplicación do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) no período de fondos europeos 2021-2027.
O próximo luns, ás 19:00 horas, o encontro xirará ao redor da mocidade e o medio mariño. A mocidade ten moito que dicir na elaboración da EDLP e queremos coñecer as súas inquedanzas para poder mellorar a estratexia e, así, as oportunidades futuras.
Nas últimas semanas estamos realizando procesos abertos de participación con reunións presenciais e virtuais. Nestes encontros tanto o sector pesqueiro como as institucións, as entidades sociais e a cidadanía axudan a identificar as necesidades do territorio da nosa Ría e a definir liñas de actuación para mellorar a súa situación.
Nas vindeiras semanas seguiremos traballando na EDLP involucrando a máis actores sociais e entidades.