Carriola.BNG (R).20.05.23
O urbanismo é un dos eixos fundamentais para o progreso social e económico dun concello, por iso Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín, afirma que “o BNG aposta por un modelo urbano e accesible, cun crecemento harmónico, co obxectivo de crear lugares agradables para vivir, humanizados e de mellor calidade.”
Santos manifesta que “Marín ten moitas potencialidades que aproveitar. O obxectivo principal será asentar un concello para vivir, levando para iso a termo unha política urbanística sostible que garanta o equilibrio territorial, o desenvolvemento urbanístico racional e a protección do ambiente e a paisaxe a través do desenvolvemento do PXOM, abrir o espazo ao mar para mellorar a relación da vila co mar e apostando pola mobilidade sostible.”
A realidade física e social mudou moito desde a aprobación da normativa urbanística en Marín. Lucía Santos afirma que “Gobernar é transformar e por iso o BNG asume o obxectivo de acompasar esas mudanzas cunha nova planificación territorial e urbanística.”
O BNG propón unha batería de propostas para construír un Marín cun alto nivel de calidade de vida.
Urbanismo circular
- Revisión da Estratexia de Actuación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a súa adaptación á realidade actual do Concello e á lexislación de rango superior aprobada con posterioridade a súa entrada en vigor.
- Reforma normativa do PXOM, en colaboración cos cambios na normativa de habitabilidade de Galicia, para facilitar o cambio de uso de baixos comerciais a vivendas co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais, oficinas e entrechans abandonados ou sen actividade, en contornas urbanas.
- Promoción dos Plans de Protección Integral dos Cascos Vellos de Marín-Banda do Río e Cantodarea e analizar a viabilidade de crear coa Xunta de Galicia (Instituto Galego de Vivenda e Solo - IGVS) un Consorcio para os cascos vellos.
- Propor a estudo unha ordenanza municipal de Inspección Técnica de Edificacións.
- Elaboración, no marco do plan urbanístico, de programas de vivendas de protección oficial a través de concertos co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
- Análise coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dun convenio para a recuperación dos diversos usos sociais das antigas vivendas do profesorado cos CEIPS de A Laxe, Carballal e O Sequelo.
- Promoción da rehabilitación de vivenda en contraposición á demolición.
- Transmisión de información e asesoramento en relación coas liñas de apoio doutras administracións para a adquisición, alugueiro, rehabilitación, construción e mellora de vivenda.
- Potenciar a oficina técnica que xestiona a Area de Rehabilitación Integral (ARI) que comezou no 2009.
- Recuperación para o Patrimonio Municipal de edificios con valor histórico en proceso de degradación continua ou abandono para uso sociocultural e/ou administrativo como poden ser: E2 Casa das Fontenla, E6 Edificio Baladrón-Méndez Núñez, E15 Xardíns e Vila José (para a súa anexión á Granxa de Briz/Parque dos Sentidos), E18 Casa Grande de San Pedro da Raña, E19 Pazo da Brea, E27 Casa Rectoral de O Campo, E32 Pazo de Cadro…
- Potenciación urbanística en Loira, como núcleo de litoral mariñeiro e, polo tanto, de especial de protección, mediante un plan de axudas económicas para a rehabilitación e protección das casas e do patrimonio arquitectónico do núcleo costeiro.
- Desenvolvemento e mellora das redes de saneamento municipais, con separación das pluviais.
Exteriores, zonas verdes e paisaxístico
- Desenvolvemento dun Plan plurianual de paisaxismo urbano adaptado ás necesidades da veciñanza.
- Humanización e integración dos barrios.
- Implantación de medidas de supresión e/ou minoración dos impactos paisaxísticos e dos riscos para a saúde causados polas liñas de subministro de enerxía eléctrica, soterrando as liñas de media e baixa tensión sempre que sexa posible.
- Deseño e reorganización de espazos públicos no casco urbano e rural aplicando criterios que promovan a autonomía e seguridade das persoas.
- Intervención no Parque Azul de Cantodarea para facelo máis atractivo para a veciñanza. Mellora da sinalización, limpeza e iluminación do acceso.