Carriola.Monte Pituco (R).27.05.23
O Concello de Marín non disimula o seu desprezo polo patrimonio rupestre da vila, como se constatou na Ruta Cultural do pasado 14 de maio. Era a segunda vez que a Concellería de Cultura organizaba unha visita aos petróglifos de San Xián, a parroquia coa maior densidade de gravados prehistóricos.
pasaron oito longos anos dende a anterior andaina en decembro de 2015 ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Nesta ocasión, o Goberno local ofreceu unha pésima imaxe dos xacementos da Carrasca e Champás: rodeados de vexetación e leña seca que compromete a súa integridade en caso de incendio, cubertos de follaxe e con dificultades de acceso nos camiños; unha situación de abandono e desleixo que evidencia a nula vontade do Concello por contribuír ao coidado, conservación e difusión deste valioso patrimonio.
Malia que estes gravados se sitúan en terreo de titularidade veciñal, a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián non se dignou sequera en asistir á visita. Fronte ás trabas que esta entidade lle impón ao Colectivo Monte Pituco para realizar roteiros divulgativos polos petróglifos da parroquia, vulnerando o dereito da veciñanza á "visita pública" dos bens de interese cultural, cuestiónase que o Concello de Marín fose obrigado a solicitar autorización previa para organizar esta recente andaina.
Precisamente, un dos xacementos visitados foi o grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca que, a finais de 2016, resultou afectado por uns traballos de desbroce realizados sen supervisión arqueolóxica por encargo da Comunidade de Montes de San Xián, que foi sancionada pola Dirección Xeral de Patrimonio por unha agresión tipificada como "grave". A repercusión que tiveron aqueles danos levou a que o Concello aprobara en febreiro de 2017 un Plan de Protección do Patrimonio do que nada máis se soubo, a pesar dos intentos por parte do Colectivo Monte Pituco -co apoio de varios arqueólogos e expertos- por introducir melloras que permitisen unha protección "real e efectiva" dos xacementos con prazos, medidas concretas e o asesoramento dos colectivos e especialistas en patrimonio local.
Ás mostras de incompetencia institucional, cómpre unir a desidia cara ao patrimonio arqueolóxico da parroquia por parte dalgún integrante da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián que antano exerceu como promotor activo da instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo) que prexudicaba os xacementos desa contorna; un proxecto ilegal que foi anulado con dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sen que, a día de hoxe, seis anos despois, o Concello lle teña retirado por fin a clasificación de solo empresarial a este enclave.
Ante o decepcionante resultado da visita aos petróglifos de San Xián organizada polo Concello de Marín, dende o Colectivo Monte Pituco reclamamos colaboración entre a Administración local e a Comunidade de Montes, xunto cos organismos competentes a nivel autonómico, para a limpeza e posta en valor dos xacementos; o desenvolvemento do Plan de Protección do Patrimonio coas achegas reiteradamente demandadas dende este grupo veciñal; e a implicación dos colectivos en defensa do patrimonio arqueolóxico nas futuras visitas como coñecedores da ubicación dos gravados -tanto os historicamente catalogados como os de recente descubrimento- e da rede de sendeiros que os comunican.