Carriola.Manuel Pazos (*).01.07.23
“Dende o PSOE de Marín non compartimos que o novo posto que se crea de responsable de prensa teña un salario de 41.000€ brutos anuais, que é máis do que percibe o Alcalde de Poio. Está fora de toda lóxica baixo o noso punto de vista”
O Partido Popular aprobou o xoves a súa propia proposta de contratar para o Concello de Marín a figura de un responsable de comunicación. Unha figura que xa existiu durante a pasada lexislatura pero mediante a contratación dun profesional autónomo que percibía da orde de 15.000€ anuais.
Agora, o goberno local pretende contratalo directamente polo Concello e establece para ese posto de libre designación un salario de 41.000€.
Dende o PSOE non nos opoñemos a existencia dese profesional pero consideramos que o salario que percibe está fora de toda lóxica. Para arguméntalo simplemente dicir que un xornalista co máximo rango dentro dun xornal ou medio de comunicación (redactor xefe) ten establecido un salario segundo o seu propio convenio colectivo de 28.000€ ou do que se establece en moitos outros convenios como o de enxeñerías.
Por este motivo consideramos que se trata dun salario que está fora dunha lóxica de prezos do mercado, e para o cal non lle atopamos xustificación para un posto que se vai a contratar a dedo.
Sirva como exemplo que o salario que se fixa para este responsable de prensa é o mesmo que o que percibirá o alcalde de Poio, o que baixo o noso punto de vista explica o desproporcionado deste salario e motivo polo cal o Partido Socialista votou en contra.
(*) Manuel Pazos é o portavoz do PSOE na corporación de Marín