Carriola. José Antonio Pérez Santiago (*). 24.09.23
julio@carriola.es
A Asociación "Por un Museo do Mar para Marín" organiza un festival no cal se homenaxeará ás mulleres e homes que dedicaron a súa vida a traballar en labores vinculadas ao mar. A homenaxe terá lugar ao longo da xornada de hoxe domingo 24 de setembro coa celebración de varios eventos.
* Pola mañá, e a partir das 12.30 na Praza 8 de Marzo onde ten a súa sede o Museo do Mar, as persoas que se acheguen poderán desfrutar dun monumento efímero elaborado pola Asociación de Alfombristas de San Martiño de Moaña, artesáns da arte floral que realizarán unha alfombra con escenas mariñeiras que de seguro sorprenderá a todas as persoas que asistan.
* No mesmo espazo poderán gozar da obra escultórica “Inmigración por la supervivencia” dos artistas Cristina Pino e Gustavo Suasnábar .
* Este acto matinal completarase cunha homenaxe que este ano terá como protagonista a Luís Gómez Area, un dos patróns da frota pesqueira de maior idade do Concello de Marín, que, como moitos outros, axudou a facer grande o noso porto.
Xa pola tarde, a partir das 18:30 h na Alameda Rosalía de Castro (ou no Multiusos da Praza de Abastos no caso de que chova) terá lugar o prato forte desta “III Xornada de Homenaxe ás Mulleres e Homes do Mar”. Este ano serán catro mulleres e catro homes que dedicaron a súa vida a traballar no mar ou en tarefas relacionadas con este medio: Consuelo Santiago García, Severino Bouzas Graña, Pascual Rodríguez Ferreirós, Visitación Núñez Castro, Ana González Santiago, Antonio Castro Area, Luis Durán Pastoriza e Mª Dolores Dopazo Barros, serán as persoas homenaxeadas.
O acto consistirá na proxección dun vídeo-homenaxe de cada unha delas, realizados por Lukas Santiago, que resumen a súa experiencia vital. O presentador do acto será Nelson Quinteiro e tras a proxección das pezas audiovisuais realizarase a homenaxe pública coa entrega dos obsequios conmemorativos.
Para pechar a xornada a agrupación musical “Máis cantos” dirixida polo mestre Nelson Quinteiro, farán, de seguro, desfrutar ao público cunha selección de cancións tradicionais e cantos de taberna.
(*) José Antonio Pérez Santiago, Presidente do Museo do Mar de Marín