Carriola. APMHM. 24.09.23
julio@carriola.es
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza o acto anual no Pozo da Revolta, no lugar de Bagüín, que terá lugar hoxe domingo, día 24 de setembro, a partir das 13:00 h. A homenaxe ás veciñas e veciños que defenderon a liberdade durante o golpe de estado do 36, e a posterior represión franquista, contará coas intervencións de Enriqueta Otero e Carlos Villegas, integrantes da asociación, e do profesor, escritor e investigador Xosé Álvarez Castro, acompañados coa actuación musical de Botallecurri.
O martes o documental ACORDAMOS
Dentro dos actos deste mes de setembro, o martes 26 proxectarase o documental Acordamos, na Casa da Cultura de Seixo ás 20:00 h.. O documental, que é unha idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, é unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións. A dirección artística é de Uxía, a dirección técnica e realización de Lucas Terceiro e o guión e presentación de Carmen Conde, contando con Montse Fajardo como asesora de contidos.
Ademais das colaboracións que poñen voz ás testemuñas do acontecido, participan nel intérpretes e grupos musicais das localidades e lugares de memoria protagonistas, que teñen que ver coas loitas de principios do século XX: os avances no agrarismo en Sobredo, os sindicatos mariñeiros en Moaña, a loita veciñal contra os abusos caciquís en Lérez, a loita política na Illa de Arousa, a batalla do profesorado por un ensino libre en Tomiño e a resistencia e a guerrilla en Vilagarcía.