Carriola. Lucía Santos Omil (*). 06.09.23
julio@carriola.es
BNG aposta pola renovación de inmobles para dinamizar Marín e satisfacer as demandas habitacionais coa importancia do urbanismo como un dos eixos fundamentais para o progreso social e económico do concello.
No pasado mes de outubro do 2022, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo público o compromiso de que o ano 2023 sería o ano da promoción de vivenda pública en Galiza, cunha ambiciosa proposta de impulsar 1.200 novas vivendas públicas, das cales 1.000 serán de nova construción e 200 rehabilitadas.
Neste contexto, a día de hoxe, segundo datos do Rexistro Único de Demandantes de Galicia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) con data de 25 de setembro, rexístranse un total de 86 solicitudes de compra, alugueiro ou alugueiro con opción de compra de vivendas de Protección Oficial de Promoción Pública no Concello de Marín.
Chama especialmente a atención a situación dun inmoble situado na rúa Concepción Arenal 64 de Marín, ofrecido pola sociedade mercantil ALISEDA INMOBILIARIA, experta na xestión de activos e créditos inmobiliarios. Este inmoble está á venda por un importe de 109.400 euros e conta cunha licenza municipal de obras concedida pola Comisión de Goberno no ano 2002 para a construción dun edificio con 11 vivendas, locais comerciais e garaxes. Tras case dúas décadas, a obra atópase paralizada, coa estrutura abandonada e sen acondicionar.
Diante desta realidade, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón iniciar negociacións co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a reforma e posta a disposición desta vivenda de Protección Oficial de Promoción Pública. Esta iniciativa requiriría previamente a adquisición por parte do IGVS ou do Concello de Marín, a través de fondos de cooperación convocados pola resolución do 2 de agosto de 2023, do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Dita resolución contempla como posibilidade a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
A adquisición e finalización da obra permitirían acadar varios obxectivos esenciais para a comunidade local:
- Axudar a revitalizar unha parte do casco urbano.
- Eliminar unha estrutura de inmoble abandonado con potencial perigo.
- Poñer á disposición da cidadanía vivendas de protección oficial de promoción pública.
- Reducir o número de persoas na bolsa de demandantes no noso Concello para este tipo de vivendas.
- Axudar ao IGVS a cumprir o seu obxectivo de alcanzar en 2023 unha bolsa de 1.200 vivendas.
O urbanismo é un dos eixos fundamentais para o progreso social e económico do concello. Neste senso, a falta de vivenda nova, é un dos motivos polo que Marín perde poboación de xeito continuo.
(*) Lucía Santos Omil, Portavoz municipal do BNG.