Carriola.Lucía Santos Omil (*). 14.01.24.
julio@carriola.es.
A postura do PP é lamentábel e indica que María Ramallo está sendo irrespetuosa coa corporación municipal, xa que por unha banda dí quedar á nosa disposición mais despois néganos o dereito a manter unha xuntanza informativa.

Lucía Santos
O pasado mércores día 10, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou aos grupos da corporación municipal da chegada de granulado ás praias de Lapamán e A Coviña, polo que como voceira do BNG, solicitamos unha xuntanza de portavoces para ter información de como se está coordinando a retirada de “granulado” dos areiais e en que consiste o protocolo de actuación.
Debido á resposta recibida, lamentamos que a alcaldesa se negue a manter unha xuntanza de portavoces, dando novamente unha mostra de falta total e absoluta de transparencia, ao que inevitábelmente xa nos ten acostumadas o goberno do PP.
María Ramallo limitouse a dar información no remate do pleno municipal celebrado,o xoves 13, negando aos grupos da corporación municipal poder facer algunha pregunta sobre o tema.
A postura do PP de lamentábel e indica que María Ramallo está sendo irrespetuosa coa corporación municipal, xa que por unha banda dí quedar á nosa disposición mais despois néganos o dereito a manter unha xuntanza informativa e, o que é mais grave, néganos a oportunidade de poder facer preguntas ante unha situación tan preocupante.
Segundo a información trasladada pola alcaldesa, non se sabe en que consiste o protocolo de actuación nin se Marín ten un plan de emerxencia, no caso de chegada de máis “granulado” aos areais do noso concello.
No BNG insistimos na necesidade de convocar unha xuntanza de portavoces para ter a información demandada e poder traballar man a man como procede nesta situación de emerxencia.
(*) Lucía Santos Omil é a portavoz do BNG na coporación municipal