Carriola.Ateneo Santa Cecilia.04.02.24.
julio@carriola.es.
Nesta ocasión o Ateneo Santa Cecilia abre este tempo de Entroido en Marín con dous actos que van moi unidos. Unha exposición fotográfica con máis de cen fotografías nas que se recollen unha parte das máscaras ibéricas usadas no Entroido e noutras, celebracións onde a mascara é a protagonista.
Mostra fotográfica de Mercedes Vázquez
A fotógrafa é autora desta exposición, Mercedes Vázquez Saavedra, ten unha longuísima traxectoria profesional, con numerosas exposicións en todo o territorio da península ibérica. Nesta ocasión, a exposición "Viaxe polo mundo da máscara" estará aberta ao público ata o 14 de febreiro e contará con dous emprazamentos, haberá obras tanto no Museo Torres como na sede do Ateneo Santa Cecilia.
Nacida en Sarria en 1949, e etnógrafa, escritora, fotógrafa e documentalista. Cursou estudos en Galicia e León e traballou como profesora e na administración publica. Destacan as súas fotografías de mulleres da Raia ou arraianas. Apaixonada das culturas rurais e das máscaras. Son recoñecidos os seus traballos en Galicia, no norte de Portugal e nas provincias pegadas a Galicia de Castela e León, os seus traballos documentando e impulsando os Entroidos e a conservación das máscaras propias de cada lugar.
Outorgáronlle premios e recoñecementos entre eles "Xuíza Honoraria do Couto Mixto", "Arraiana Maior" ou "Mestra da Memoria" outorgada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou libros como: "Pobra do Brollón", "Guía da Ribeira Sacra," e O Courel na editorial Galaxia. María Mariño; do mar de Noia á Serra do Courel (Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Ramón Piñeiro do val de Láncara a Compostela (Asociación Cultural Val de Láncara, 2009).
Leva realizadas numerosas exposicións de todo tipo de fotografías, pero sobre todo de mulleres e de máscaras ate o punto que en moitos sitios xa lle chaman "Mercedes a das máscaras" e nesta ocasión temos a oportunidade de desfrutar de algunhas de esas máscaras na exposición que se inaugura o martes dia 6 de febreiro no Museo Manuel Torres de Marín as 19:30 h.

Conferencia de Rodríguez Cruz.
E a continuación, ás 20:00, tamén no Museo Manuel Torres, será José Rodríguez Cruz o que nos falará dos "Entroidos Arraianos" ou sexa de eses Entroidos e as súas mascaras tan diversas e tan abundantes de esa zona comprendida entre a provincia de Ourense, Zamora e Norte de Portugal que manteñen unha tradición secular e que comparten moitas características e semellanzas.
José Rodríguez Cruz nace na Gudiña en 1956, e durante unha parte da súa vida profesional viviu en Marín onde ten colaborado co Ateneo Santa Cecilia e participado en traballos de investigación etnográfica como o dos Maios ou toponímicos.
Como Etnógrafo, nas súas investigacións ten recadado información sobre toponimia, refráns, cantigas, crenzas, lendas, ditos e adiviñas, contos, así como sobre o Entroido e o traxe galego, desenvolvendo esta labor na súa comarca natal e na contorna do sueste da provincia de Ourense, Tras os Montes en Portugal e Seabra na provincia de Zamora Conta con numerosas publicacións e artigos etnográficos en xornais e revistas especializadas. Así como un gran numero de recoñecementos e premios.
A entrada é de balde ate completar aforo. Esperámosvos a todos neste actos.