Carriola.Redacción19.04.24.
julio@carriola.es.
Hoxe venres, ás 20:30 horas no Museo Manuel Torres, terá lugar a presentación do libro Punto e coma, do poeta marinense Aarón Franco que estará acompañado polo editor Marcelo Saffores, director da editorial TarQus, Charo Valcárcel, mestra xubilada do IES Valle - Inclán, poetisa e autora do limiar.
No transcurso do acto de presentación desta obra poética, recitarán poemas do autor o poeta Benito Piñeiro, natural de Marín e a poetisa Elena Lameiro, natural de Pontevedra. O acto será presentado pola activista social e veciña de Seixo Mari Carmen Santos.

Aarón Franco é licenciado en historia (USC), especializado en Historia contemporánea e Estudos americanos presneta hoxe no salón de actos do Museo Torres o seu libro de poemas “Punto e coma” . Neste eido é autor de artigos como: "Emigración galega nas concas mineiras asturianas no período franquista":"A pesca e os gremios de mareantes na Pontevedra do século XVIII","A revolución demográfica do millo na comarca do Morrazo".
Mestre desde o ano 2011. tamén é colaborador e traballador no xornal galego “A nova peneira” desde o ano 2014, onde xunto coas habituais crónicas politícas, culturais e sociais de adica á escrita de artigos de opinión.
Na trincheira do compromiso social desde a súa adolescencia, a profesora marinense María Xosé Varela marcao profundamente no seu pensamento e no seu achegamento á literatura e en especial á lectura da poesía.
Toma contacto coa lírica de autoría propia por primeira vez no ano 2007. Será moitos anos despois,cando estes primeiros poemas xunto con outros que irán xurdindo polo camiño, comecen a ver a luz progresivamente desde diferentes canles.
Punto e coma é a súa ópera prima, un exercicio emocional no que navegar cara a salvación é o obxectivo final.
A autora do limiar Charo Valcárcel comenta sobre Punto e coma que, ensumíndonos nos seus versos vémonos arrastrados a través dunha traxectoria dolorosa que comeza pola sospeita do mal que se achega, da dor que esgaza, provocando un medo atroz.
As catro partes nas que se estrutura o poemario responden ao percorrido do eu lírico desde as sombras máis escuras e profundas ata a luz que resucita o sentir necesario.
Aarón, pois, dáse a coñecer como poeta galego con este libro, unha dura peregrinaxe desde as sombras á luz e ao mesmo tempo unha homenaxe á nai e ao amor, un libro no que poemas construídos con longas enumeracións, en moitos casos formadas por versos dunha soa palabra, que acada así a intensidade necesaria, a carón de recursos que nos ensumen nun ritmo ás veces frenético a modo de ladaíña, de pregaria consciente ou inconsciente que se dilúe en simbiose perfecta coas súas sombras e a súa luz.
En palabras do editor Marcelo Saffores, Punto e coma é o título deste sincero poemario e marca, logo de lelo, un antes e un despois na liña de vida do autor. Os poemas foron o fío condutor da transformación vital do poeta, quen a partir de feitos que deixan pegada sabe recuperarse e sinalarnos o camiño nesta obra.
Unha das cousas máis apaixonantes para un editor, é recibir a chamada de alguén disposto a entregar a súa obra para ser plasmada nun libro. E se ese autor, na primeira cita, se íspe e nos relata a súa vida, os como e os porqués do seu traballo, o desafío é inmenso.
O poemario xurde dun impulso catártico que levou a Aarón a converter a súa historia nunha sucesión de preciosos e por momentos moi duros poemas.