Carriola.Pedro Cortegoso Gago.(*)19.04.24.

Pedro Cortegoso Gago
O pasado 12 de outubro aconteceu un incidente violento no Punto de Atención Continuada de Marín, cando unha persoa agrediu ao persoal que atendía o mostrador botándolle a mampara enriba e proferiu insultos e ameazas contra del. Este non foi un feito illado, repítese en Marín, e en moitos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada, con maior ou menor virulencia e gravidade.
A raíz deste lamentábel feito a Xerencia do Sergas de Pontevedra contratou un servizo de gardas xurados para o PAC. A presenza destes gardas tiña un efecto disuasorio e daba seguridade aos traballadores, especialmente nas horas nocturnas e na fin de semana, cando acontecen normalmente estes feitos. Porén, como as alegrías na casa do pobre duran pouco só se mantivo o servizo até o nadal, sendo substituído o garda por unha cámara.
Evidentemente o efecto disuasorio deste aparello é nulo, como quedou demostrado esta semana. Na noite do domingo ao luns volveu acontecer no Punto de Atención Continuada de Marín un incidente violento, cando unha persoa rompeu a porta de entrada dándolle golpes, que aínda son visíbeis. Desta vez a cousa non foi a maiores e non houbo que lamentar danos persoais entre o persoal, aparte do susto que provocan feitos deste tipo.
Os traballadores e traballadoras do Sergas temos hoxe en día unha profesión de risco. Temos que soportar diariamente o malestar, o cabreo e os malos modos de moitas persoas por culpa dunha situación de deterioro da sanidade pública. Con todo, isto non xustifica ningún tipo de agresión contra o persoal dos Centros de Saúde nin dos Puntos de Atención Continuada. Vai sendo hora de que o Sergas se tome en serio a protección do seu persoal e tome medidas efectivas e permanentes para evitar as agresións.
(* Pedro M. Cortegoso Gago étraballador do Sergas.