Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

Do Cartafol de Manuel Torres Martínez

Carriola. Redacción.

Un novo relato de Manuel Torres no seu Cartafol que recolle a súa vez artigos e colaboracións máis ou menos poéticas publicados en distintos xornais do século pasado. Como sempre, advertimos que Carriola de Marín reproduce íntegramente o texto respectando a escrita feia polo autor.

 A Primaveira

Un canto á primaveira é sempre un canto ledo, inaugural, un canto de abrente gozoso, de alborada con orquestación cromática nas outuras celestes i un tremor de xubilosa renascencia na terra aterecida polos fríos derradeiros. Porque a primaveira é unha leda trasnada que nos fai o tempo embrullado coma un pantasma en altas neves que abafan en amarelas anemias os verdes vizosos da herbiña tenra namentras o vento rezonga nos pomares e carballeiras abatendo a lanzalía dos albres espidos.

A paisaxe, entón, semella morta e asulagada na evidencia de unha caducidade sin volta, suspenso o tremor vital, soterrados seus alentos, apagados os bruídos que foron armoñosos na ponla onde ceibaba o merlo a ledicia do seu canto, no pe de rumeu frorido que as abellas cinguían co seu fino zoar cristaíño e na coleira que as volvoretas arrodeaban coa branca dúbida do seu voo.Todo amortaxado, inanimado todo nunha volta aparente ó seu orixe telúrico de formas cristaíñas elementaes.

Mais abrese unha porta no tempo e entra por ela a primaveira tocando a máxica trompeta do sol, a trompeta da resurrección total, a chamada impoñente da continuidade, da orde vital da renascencia, e as mesmas entranas da terra conmóvense pra un novo xénesis orgánico. O pai sol, o máxico poder da omnipotencia, alonga as súas maus garimosas e coas poutas dos seus dedos vai abrindo as fontes da nova vida.

A paisaxe renasce. O mundo orgánico despreguízase do seu sono e as criaturas todas conmóvense no ledo renascer da nova alba. Agroman nos pexegueiros  roxos beizos que as abellas van bicar co degoro dos seus zumes; as cerdeiras vístense de albos velos  e na ponla do loureiro as follas apreixan con agarimo o niño do verdeirol. Un vento aceirado que baixa da serra domea os centeos recén espigados que dan acougo ó paspallás, e o regato que corre pola valgada leva un cantareiro son escurrichando as ágoas que se escoan polas beiras encostadas.

A paisaxe toda arróupase en cores gaioleiros, frescos, metálicos, novos, vírxinaes na liturxia inaugural da primaveira. O inverno despídese nos curtos da serra e o seu frío albor ten unha leda resposta no gozoso frorecer do pomareiro: O carmín dos pexegueiros ten o seu contrapunto na labarada amarela do xestal e os verdes do prado acompásanse cos fríos azúes que escomenzan a nascer baixo o tenro gomo do carballal. Canta o cuco a súa cativa frase e respondelle o merlo - solista de etiqueta - con dozura e sentimento na exquisita frauta da súa gorxa, e atremedias, enchendo o refolgo dos solistas, loce o seu virtuosismo a paxariñada toda.

Aleluia, aleluia, é o canto de todo bicho vivinte na aentrada triunfal da primaveira.

 

 

roslev