Carriola.Lucía Santos Omil (*).14.11.24.
julio@carriola.es.
Denuniciamos o atraso de máis dun ano na tramitación da moción para adquirir un edificio abandonado na rúa Concepción Arenal, cuxa rebaixa de prezo supera os 30.000 euros.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta o atraso de máis dun ano na resolución da moción presentada en outubro de 2023 para impulsar a adquisición dun edificio na rúa Concepción Arenal e convertelo en vivendas de protección oficial e levaremos este tema ao pleno municipal de hoxe 14 de novembro, para instar ao Concello de Marín a tomar medidas concretas e iniciar conversas co Ministerio de Vivenda.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou en outubro de 2022 que o ano 2023 sería clave para a promoción de vivenda pública en Galiza, coa promesa de impulsar 1.200 novas vivendas públicas, das cales 1.000 serían de nova construción e 200 rehabilitadas. Malia este compromiso, en Marín non se realizou ningunha actuación deste tipo, a pesar de que, segundo o Rexistro Único de Demandantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a vila conta con preto de cen solicitudes para a compra, alugueiro ou alugueiro con opción a compra de vivendas de protección oficial.

Edificio ao que se refire o BNG
O BNG rexistrou hai un ano unha moción solicitando que o IGVS adquirise o edificio situado no nº 64 da rúa Concepción Arenal. A estrutura, cunha licenza de obras concedida no 2003, foi proxectada para albergar 11 vivendas, locais comerciais e garaxes, pero leva case dúas décadas en estado de construción inacabada. Naquel momento, o concelleiro Manuel Santos propuxo adiar a moción á espera de estudos técnicos do Concello. Un ano despois, estes estudos aínda non foron presentados, motivo polo cal a voceira municipal do BNG, Lucía Santos, reclama que a proposta se debata no pleno.
O edificio estaba á venda en 2022 por 109.400 euros e que actualmente o prezo rebaixouse a 79.330 euros, o que representa unha diminución de máis de 30.000 euros dende a presentación da moción. Este atraso é inaceptable. Estamos diante dunha oportunidade única para atender a demanda de vivenda pública en Marín e recuperar unha construción abandonada que leva anos afeando o centro da vila.
É importante actuar con urxencia, tendo en conta que Marín leva décadas sen novas promocións de vivenda de protección oficial. O Concello debe asumir a súa responsabilidade e liderar as negociacións para dotar a vila de vivendas dignas e accesibles para as veciñas e veciños que máis o necesitan”.
(*) Lucía Santos Omil é a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.