Carriola. M.P..21.11.24.
julio@carriola.es.
Trala celebración das VIII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián dedicadas ao canteiro José Meijón Area, o colectivo Monte Pituco (Pornedo) vén de solicitarlle ao Concello de Marín que se comprometa co estudo da vida e da obra deste singular veciño
Pídese que se realice un inventario impreso ou dixital da súa obra para que estea a disposición da veciñanza e sirva para seguir ampliando o coñecemento e a difusión do seu legado; e que se valore a protección das edificacións ou soportes onde a obra de José Meijón adquira unha especial relevancia polo significado ou a simboloxía dos elementos representados, garantindo a súa conservación.
Nun informe trasladado á Alcaldía e á Concellería de Cultura coas conclusións das xornadas, o colectivo Monte Pituco pon de relevancia o gran nivel da recente charla impartida pola presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas, e o profesor e investigador Germán Labrador no Museo Torres de Marín, cunha importante asistencia de público.

Ruta polo rural
Ambos os participantes neste faladoiro repasaron a vida de José Meijón Area, nacido en Marín en 1899, fillo do recoñecido mestre de obras Román Meijón Cao, que traballou na construcción da Casa Consistorial desta vila. Con lazos familiares vencellados ao protestantismo e o sindicalismo, a súa biografía tamén está marcada por un factor psiquiátrico que o abocaría a cometer algún incidente e a someterse a varios ingresos hospitalarios.
Un persoeiro irrepetible
Trátase dun persoeiro único e irrepetible que, ata o seu pasamento en febreiro de 1980, forma parte dos recordos e do imaxinario de varias xeracións de marinenses. Foi o artífice dunha amplísima obra gráfica da que destacan os gravados existentes na rúa Calzada preto de onde estivo a súa casa, no lavadoiro do Souto, nos muros da Igrexa Vella ou da capela de San Dego, nos rochedos das praias e noutros moitos puntos do rural.
Como expuxo Germán Labrador na súa intervención, José Meijón foi “un grafiteiro, un activista da memoria” que, a través das súas inscricións,“representa a memoria republicana, conecta coas lealdades e fala do seu desgarro”como consecuencia da guerra e das súas inquedanzas, como demostran algunhas das súas iconografías máis repetidas. Tamén se salientou o pesar que lle causaba a José Meijón a “destrución do territorio” en aras dun progreso que non asimilaba. Asemade, analizouse a elección que este “artista”, como o definiu Labrador, facía dos lugares onde realizaba a súa obra: fontes, lavadoiros, muíños ou a cercanía de xacementos de arte rupestre, chegando a intervir directamente en laxes con gravados prehistóricos, aínda que sen interferir nos mesmos, como acontece nos conxuntos do Pornedo e da Carrasca, ambos en San Xián. “El sentíase continuador dunha tradición”, afirmou Germán Labrador, “e as súas figuras dialogan cos petróglifos clásicos”.
Proposta ao Concello

Ruta urbana polas pegadas de "Pepito" Meijón
Con estes argumentos, o colectivo Monte Pituco proponlle ao Concello de Marín o deseño de rutas guiadas como as andainas realizadas por esta entidade no marco das súas VIII Xornadas de patrimonio: unha no ámbito urbano e outra seguindo as pegadas de José Meijón no rural da parroquia de San Xián.
As VIII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que contan co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia, completáronse coa celebración da tradicional homenaxe a Xan Montenegro organizada polos seus achegados. Ao carón do monolito instalado no lugar do Carballal, dedicado a quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, ademais de activista cultural e político, interviron Xosé Vilas e Antón Pousada, amigos de Xan, que leron varios textos literarios. Canda eles, asistiron tamén familiares e veciños.