Lucía Santos presenta unha moción ao Pleno pedindo a posta en marcha da “Área de Transporte de Galiza”
Carriola.Redacción.03.05.21
Lucía Santos, portavoz do BNG entende que “cómpre rematar co agravio que sofren os/as usuarios/as de Marín que se desprazan a Vigo, que pagan máis do dobre que os/as usuarios/as de Pontevedra” e anunica que o BNG solicita ampliar os beneficios da tarxeta “Xente Nova” a aqueles menores de trinta anos que se atopen cursando estudos en carquera tipo de nivel. A representante municipal do partido nacionalista adianta que “O BNG de Marín vén de rexistrar unha moción, solicitando ao goberno municipal instar á Xunta de Galiza para que asuma as súas competencias en transporte e poña en marcha a Área de Transporte de Galiza porque, “este plan foi anunciado dende a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade o pasado mes de febreiro, e ten a finalidade de espallar por todo o territorio galego as vantaxes do transporte metropolitano e, a intención é levar a cabo melloras de conexión entre as redes de transporte cunha tarifa única e bonificada, cun mesmo prezo por quilómetro en toda Galiza, aplicando descontos de 0,50 euros no prezo de cada viaxe quedando exento de pago a viaxe nos transbordos, e isto mediante a Tarxeta Transporte Público”.
Bonificacións
Lucía Santos engade que “segundo a información deste plan, a Xunta financia o 80% destas bonificacións e os concellos que decidan adherirse poñerían o 20% restante e está previsto comezar cos primeiros convenios nestes meses para poñer en funcionamento o plan de transporte na segunda metade do ano”
Expón, por outra banda, que “Marín estivo afastada da primeira fase do Transporte Metropolitano desenvolvido pola Xunta de Galiza, onde moitos/as usuarias/os (traballadores do SERGAS, estibadores do Porto e mesmo estudantes universitarios) trasládanse a Vigo na Concesión XG-817 supoñéndolles un agravio comparativo cos/as usuarios/as de Pontevedra, dado que estes poden usar un bono mensual de 27,50 euros mentres que os de Marín teñen que pagar até 62,50 euros, o que provoca protestas dos/as nosos/as veciños/as que se desprazan a Vigo con asiduidade, xa que isto supón que unha viaxe de Marín a Vigo ten un custe de máis do dobre que unha viaxe de Estribela a Vigo, tan só por unha diferencia de metros de distancia nalgúns casos.”
Finalmente Santos engade “É por isto que dende o BNG solicitamos a posta en marcha do plan de Área de Transporte de Galicia, xa que isto aliviaría, en parte, esa diferencia abismal entre os/as nosos/as veciños/as e os dos concellos dos arredores, procurando no futuro unha solución máis acaída e, en relación á tarxeta Xente Nova, pola que as persoas menores de 21 anos poden viaxar gratis no transporte público interurbano, o BNG propón ampliar os beneficios desta tarxeta para todas aquelas persoas menores de 30 anos que se atopen cursando estudos en calquera tipo de nivel para cubrir realmente as necesidades da mocidade”.