Carriola.Museo do Mar (R). 16.04.25
O Museo do Mar de Marín vén de confirmar os membros que integrarán o xurado da segunda edición do Festival Cine do Mar, que terá lugar no mes de xuño, entre os días 24 e 29. O xurado estará composto por tres destacados directores galegos: Ángel Santos, Álvaro Gago e Margarita Ledo.

Ángel Santos é autor entre outras das curtametraxes Septiembre (2004), O cazador (2008), M. Manuel Moldes Pontevedra Suite 1983-1987 (2017), Así vendrá la noche (2021) ou Alicia fai cousas (2023) e da recoñecida longametraxe Las altas presiones (2014). Desde a súa produtora, Amateurfilms, desenvolve e produce proxectos propios e alleos. Entre os premios conseguidos, destaca o histórico triunfo no Festival de Cans de 2023, gañando catro dos principais galardóns por Alicia fai cousas.

Álvaro Gago Díaz é autor entre outras, da curtametraxe Matria (2017), que lle valeu máis de 70 premios, entre eles o Gran Premio do Xurado de Sundance e o Mestre Mateo. A súa primeira longametraxe, Matria (2023), recibiu a Biznaga de Prata á Mellor Actriz (María Vázquez) e o Premio ASECAN á Mellor Primeira Película no Festival de Málaga, ademais de 2 nominacións nos 38 Premios Goya, entre elas a de Mellor Director Revelación, e 5 premios Mestre Mateo.

Margarita Ledo (catedrática de Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta) é unha das figuras máis relevantes das cultura galega das últimas décadas. Entre os seus filmes figuran títulos como Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007), A cicatriz branca (2012), Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra (2016), Nación (2020) ou Prefiro condenarme (2024). Entre os premios recibidos como cineasta destacan o Premio Nacional de Cine e Audiovisual da Cultura Galega en 2008, o Premio Otero Pedrayo en 2017, o Premio Cineuropa en 2020, o Premio Mulleres en Foco da Deputación de Pontevedra e a asociación CIMA en 2021, o Premio de Honra Fernando Rey dos Mestre Mateo en 2022 e o Premio Pedigrí do Festival de Cans en 2022. A súa película Nación recibiu o Premio á Mellor Dirección de Película Española no Festival de Sevilla 2020 e o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental en 2021.
Desde o Museo do Mar de Marín “consideramos que é un luxo poder contar coa participación de persoas tan relevantes do cinema galego, que visitarán o festival, aportando un plus de calidade e prestixiando as obras premiadas”.
Desde a organización do festival estase a traballar na programación, que será ampla e variada, coa participación de filmes de diversas nacionalidades e cunha atractiva oferta de actividades paralelas. Será presentada no mes de maio.
Margarita Ledo Premio honorífico
Por último, desde a organización anuncian a concesión do premio honorífico do festival a Margarita Ledo, que lle será entregado durante a cerimonia de inauguración, que terá lugar no Cine Seixo, o máis antigo de Galicia en activo, e durante a que se proxectará o seu filme Prefiro condenarme.