Carriola.BNG. 07.06.25
julio@carriola.es
O BNG presenta unha moción para Abrir Marín ao Mar e agarda contar co apoio do PP e do PSOE para unha proposta ambiciosa e de futuro que mellorará a calidade de vida da veciñanza. Lucía Santos: “Non pedimos nada imposible. Hai precedentes de cesións por parte do Estado e contamos cun marco legal que permite recuperar espazos costeiros para a veciñanza”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao Pleno, que se celebrará o vindeiro 12 de xuño, unha moción coa que busca dar os primeiros pasos para “Abrir Marín ao Mar”, mediante a recuperación de novos espazos concretos da fronte marítima urbana —entre Cantodarea e a Escola Naval Militar— e a cesión definitiva dos que están actualmente conveniados. A iniciativa, presentada pola portavoz municipal Lucía Santos Omil, propón un modelo de vila máis aberta, cohesionada e integrada co seu litoral.
Actualmente, Marín vive de costas ao mar. Máis de 2,3 quilómetros de fronte marítima urbana son case inaccesibles, con só dous puntos de acceso real: o Parque Azul e o Paseo Alcalde Blanco. Esta situación, sinalada en documentos estratéxicos municipais como a Axenda Urbana de Marín e o Plan de Mobilidade Sostible, impide á veciñanza desfrutar do seu litoral e limita o potencial de transformación social, ambiental e económica da vila.
A moción do BNG propón iniciar un proceso planificado e participativo para ir recuperando unha pequena parte estes espazos e devolvelos ao uso público. A idea non parte de cero. Nos últimos meses xa se deron pasos para solicitar formalmente ao Ministerio de Transportes a identificación de terreos desafectos da Autoridade Portuaria, e ao Ministerio de Defensa a posibilidade de abrir á vila parte dos espazos exteriores da Escola Naval, como a pista de atletismo. A proposta busca consolidar ese camiño institucional e establecer unha folla de ruta clara para avanzar.
Entre os espazos que o BNG propón recuperar tamén figuran, a parcela da antiga nave de Pérez Torres, o inmoble da Avenida de Ourense nº 86 —para destinalo a un posible centro social—, ou as naves e edificio de oficinas localizadas na Avenida de Ourense cando remate o período actual de concesión. Este último apartado permitiría o retranqueo do vial interior e do fechamento perimetral, favorecendo unha mellor integración urbana.
Non menos importante é formalizar a cesión definitiva e permanente —non suxeita a prórrogas temporais— dos espazos e instalacións actualmente engadidos en diversos convenios coa Autoridade Portuaria. Entre estes espazos atópanse: o Paseo da Avenida de Ourense (coñecido como paseo do colesterol), o Parque Azul e o edificio nel situado, o Paseo Alcalde Blanco co seu dique para embarcacións menores e o local destinado a cantina no inicio do paseo; así como o Cemiterio de Chalanas e o terreo onde se atopa o Centro Cultural e o aparcamento.
Nesta formación nacionalista sostemos que esta iniciativa non responde a unha ilusión local, senón que se trata dunha proposta viábel, legalmente fundamentada e en sintonía coas liñas actuais da política urbana. Non estamos a pedir nada extraordinario pois existen precedentes claros, como os casos de Ferrol ou Ceuta, onde o Estado —a través do Ministerio de Transportes ou do Ministerio de Defensa— xa realizou cesións de terreos públicos para usos sociais e de integración urbana. Hai tamén outros exemplos de colaboración institucional entre o Estado, a Xunta e Concellos con aporte de inversións millonarias noutras vilas e cidades próximas como son Vilagarcía de Arousa e A Coruña.