Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

Marín suma un novo símbolo urbano coa instalación das letras corpóreas na plaza do novo auditorio

Carriola. Redacción. 03.06.2026

julio@carriola.es

O municipio reforza a súa identidade visual e turística cun novo espazo pensado para a convivencia cidadá e a promoción da vila

Marín continúa avanzando no seu proceso de transformación urbana cun novo elemento chamado a converterse nun dos puntos máis fotografados da localidade. A vila conta xa coas súas letras corpóreas, instaladas este luns na nova praza creada fronte ao Auditorio de Marín, un espazo recentemente recuperado para o uso cidadán e que se consolida como unha das grandes referencias do centro urbano.

As letras, realizadas en formigón e cunha altura de 1,50 metros, forman o nome de Marín e nacen coa vocación de reforzar o sentimento de pertenza dos veciños e, ao mesmo tempo, ofrecer un novo atractivo para os visitantes que chegan á vila. A súa localización permite gozar dunha das perspectivas máis representativas do centro, coa Praza de España e o novo auditorio como telón de fondo.

A alcaldesa, María Ramallo, destacou que esta actuación busca “poñer en valor o orgullo de ser de Marín e amosar ao exterior a transformación que está a vivir a vila”. A rexedora considera que este novo elemento urbano converterase nun punto de encontro e nun reclamo para a difusión da imaxe do municipio a través das redes sociais e das fotografías de veciños e turistas.

A instalación das letras forma parte dun conxunto máis amplo de actuacións que están a renovar o corazón urbano de Marín. Entre elas destaca o avance do axardinamento do entorno do auditorio, financiado con fondos europeos, onde se están creando novos parterres inspirados nos xardíns ingleses e deseñados para ofrecer un espazo atractivo, integrado e cheo de cor ao longo de todo o ano.

Paralelamente, continúa a recuperación do entorno da antiga dársena do Cemiterio de Chalanas, unha intervención que permitirá devolver protagonismo ao mar no centro da vila. Os traballos avanzan a bo ritmo e inclúen a instalación dunha placa de aceiro cortén elaborada en colaboración co Museo do Mar, que servirá de homenaxe aos homes e mulleres que construíron a historia mariñeira de Marín.

A transformación deste espazo completarase nas próximas semanas coa posta en funcionamento dos xogos de auga do Paseo Alcalde Blanco, outra das actuacións contempladas dentro da estratexia de revitalización urbana e turística do municipio.

Mentres tanto, o novo Auditorio de Marín continúa gañando protagonismo como epicentro cultural da comarca. A próxima gran cita será o concerto conmemorativo do 60 aniversario da Brilat, previsto para o 10 de xuño, no que participarán a Unidade de Música da Escola Naval Militar, a Banda de Guerra da Brilat e a Banda de Música Airiños de San Xulián, con entrada libre ata completar aforo.

Desde o Concello fan un chamamento á cidadanía para que se achegue ata este novo espazo, goce das actividades do auditorio e contribúa a difundir a imaxe dunha vila que continúa avanzando cara a un modelo urbano máis moderno, atractivo e conectado coa súa identidade mariñeira.

roslev