Carriola.Dep.Prov.07.07.26
Luis López lembrou que “algo tan sinxelo como pulsar un botón pode supoñer unha diferenza na vida destas persoas”, unhas mil beneficiarias anuais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou onte que a Xunta de Goberno acaba de adxudicar por 500.000 euros ao servizo de teleasistencia durante os próximos dous anos, un servizo do que se benefician anualmente arredor de mil usuarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O contrato terá unha duración de dous anos “coa posibilidade de conceder dúas prórrogas anuais máis”, informou o presidente.
Previr riscos e illamentos das persoas vulnerables
O servizo de teleasistencia “está dirixido a persoas en situación de especial vulnerabilidade”, lembrou Luis López, entre as que se atopan persoas maiores, con discapacidade, con enfermidades crónicas, con limitacións na autonomía ou sen apoio familiar suficiente. A teleasistencia permite mellorar a súa calidade de vida, previr situacións de illamento, inseguridade ou risco, e facilitar que os beneficiarios permanezan no seu fogar con atención inmediata e axeitada no caso de que se produza algunha emerxencia.
“Algo tan sinxelo como pulsar un botón pode supoñer unha diferenza na vida destas persoas”, valorou o presidente López, que informou que no novo contrato o servizo contará con tecnoloxía avanzada, incluíndo móbiles con xeolocalización.