Carriola.CdM.09.07.26
As incorporacións permitirán aumentar os efectivos das brigadas municipais e garantir a prestación dos servizos nun período de maior actividade como é o verán.
O Concello de Marín vén de incorporar un total de 20 novos traballadores e traballadoras que se integraron nas distintas brigadas e servizos municipais durante os próximos meses, grazas ás subvencións concedidas pola Deputación de Pontevedra e pola Xunta de Galicia a través de diferentes programas de fomento do emprego.
A alcaldesa, María Ramallo, destaca a importancia destes plans, que "Permiten reforzar servizos esenciais nunha época do ano na que a actividade municipal aumenta considerablemente e na que tamén é necesario garantir a cobertura das vacacións do persoal municipal, mantendo en todo momento a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía".
Distribución do personal
Ao abeiro do Plan +Provincia, financiado pola Deputación de Pontevedra, incorporáronse un total de 14 persoas, que desenvolverán o seu labor durante un período de seis meses. En concreto, o reforzo está composto por 2 conserxes, 11 peóns — dos cales 4 se destinan á brigada municipal de limpeza, 4 á brigada de obras e 3 á brigada de xardíns— e 1 auxiliar administrativo.
Pola súa banda, a través do programa APROL Rural, promovido pola Xunta de Galicia, incorporáronse 6 peóns forestais, que desenvolverán tarefas vinculadas ao desbroce e á limpeza.
Manter os servicios municipais nas áreas fundamentais
Con estas incorporacións, o Concello reforza áreas fundamentais para o funcionamento diario da administración local, especialmente durante os meses de verán, cando se incrementa a actividade derivada da programación estival, do maior uso dos espazos públicos e da chegada de visitantes, o que fai necesario intensificar os labores de mantemento, limpeza e conservación.
Ademais de contribuír á mellora dos servizos municipais, estes programas de emprego favorecen a inserción laboral das persoas participantes, ao tempo que permiten ás administracións locais contar con recursos humanos adicionais para atender con maior eficacia as necesidades da veciñanza.