Carriola.BNG.03.10.26
julio@carriola.es
Non se pode seguir normalizando que levar ás crianzas ao colexio sexa unha carreira de coches e atascos na porta. Un camiño escolar seguro é gañar en seguridade, en saúde, en autonomía para as crianzas
O Grupo Municipal do BNG de Marín defenderá no Pleno ordinario do vindeiro xoves 8 de outubro unha moción para a creación dunha Rede Municipal de Camiños Escolares Seguros.
A iniciativa parte dunha realidade que sofren cada día as familias de Marín, xa que nas horas de entrada e saída dos colexios concéntrase un gran volume de tráfico nas contornas dos centros con problemas de seguridade, ocupación das beirarrúas e dificultade para que nenos e nenas poidan ir andando da escola a casa con autonomía.
Por iso, o BNG proporá ao Pleno a elaboración dunha Rede Municipal de Camiños Escolares Seguros, cunha diagnose previa dos itinerarios de acceso a todos os centros de Marín e a identificación dos puntos de risco. O grupo nacionalista solicitará que os itinerarios se deseñen en colaboración coas partes interesadas para garantir a participación e o seguimento da comunidade educativa. Ademais, proporá incorporar partidas específicas nos orzamentos municipais e solicitar axudas doutras administracións destinadas á mobilidade sostible e á seguridade viaria.
A iniciativa non só consiste en pintar un percorrido no chan, conleva máis actuacións. Tal e como recolle a propia Dirección Xeral de Tráfico e a nova Lei 9/2025 de mobilidade sostible, trátase de analizar e acondicionar cruces, beirarrúas, pasos de peóns, iluminación, accesibilidade e velocidades, identificando os puntos de risco para garantir itinerarios realmente seguros, saudables e accesibles.
A moción lembra que existe base legal e competencias municipais claras para facelo, art. 25 da Lei de Bases de Réxime Local e art. 80 da Lei de Administración Local de Galiza, e que esta actuación xa estaba recollida nos compromisos da Axenda Urbana de Marín sen que até o de agora se materializase.
Segundo a formación, non se pode seguir normalizando que levar ás crianzas ao colexio sexa unha carreira de coches e atascos na porta. Un camiño escolar seguro é gañar en seguridade, en saúde, en autonomía para os nenos e nenas e en espazo público de calidade para toda a veciñanza. O BNG agarda contar co apoio de todos os grupos para poñer en marcha un modelo estable e extensible a todos os centros escolares da vila.