Carriola.Redacción.10.07.21
A manifestación de Seixo celebrada onte pola tarde deixou ben clara a decisión dos vecinos no só de Seixo senón da contorna sur, principalmente do concello de defender a permanencia do Centro de Saúde do que teñen sospeita do seu progresivo desmantelamento polas autoridades sanitarias galegas.
A plataforma en defensa do centro encabezou a movilización onde centos de vecinos con carteis e pancartas fixeron o percorrido entre a gasolineira de Seixo ata a alameda percorrendo as principais rúas da parroquia e, antes de finalizar coa disolución do gran grupo de xente, leuse o manifestó que Carriola de Marín vay reproducir íntegramente a continuación para colecemento xeral:
“Colectivos veciñais, comunidades de montes, asociacións de nais e pais, asociación de comerciantes, asociacións culturais, partidos políticos e sindicatos constituímos a PLATAFORMA POLA DEFENSA DO CENTRO DE SAÚDE DE SEIXO para evitar o desmantelamento da atención primaria e o deterioro dos servizos dos que dispomos as persoas que vivimos nesta zona do concello de Marín. O Centro de Saúde de Seixo dá servizo ás parroquias de Seixo, Santomé, O Campo e Ardán, cunha poboación de arredor de 5.000 persoas, que aumenta considerablemente no verán e da que, unha parte importante, son maiores de 65 anos. Durante toda esta pandemia, o noso Centro de Saúde estivo aberto e funcionando con normalidade. A diferenza do que ocorría noutros centros como o de Marín, en Seixo, os profesionais sanitarios seguiron prestando unha atención sanitaria presencial que foi valorada positivamente pola veciñanza. De feito, as necesidades da poboación maior e infantil deberan levar a ampliar os servizos dos que dispón o Centro, como fisioterapia, traballo social e pediatría (tendo en conta os dous colexios públicos e a escola infantil existentes nesta zona) e non a un recorte no que xa existe.
Dende hai varias semanas, o SERGAS pretende desmantelar este servizo público en Seixo aproveitando a xubilación dunha das prazas de enfermería e a xubilación dun dos médicos prevista para mediados de agosto. Neste momento, en Seixo, a auxiliar xa está compartida con Marín e só acode unhas horas. A praza de enfermería que se xubilou, foi cuberta de xeito temporal, cun contrato de acúmulo que asina de mes en mes, e, polo tanto, en calquera momento pode ser obrigada a ir a outro centro de saúde. Tanto na praza de enfermería, como de medicina de familia, non hai garantía ningunha de que ambas as dúas xubilacións vaian ser cubertas con persoal, de xeito estábel e permanente. Por desgraza, este non é un caso illado. Os continuos recortes na sanidade pública por parte dos responsábeis da Xunta están a facer estragos na Atención Primaria cun evidente deterioro en todas as Áreas Sanitarias: con centros de saúde pechados durante a pandemia; outros, que xa non van abrir como o de Soutelo; outros, como Cambados ou Caldas ameazados de non abrir polas tardes, no verán, e na área sanitaria de Vigo, o caso de Cangas; e outros sen cubrir todas as necesidades de persoal como en Arcade. O exemplo máis próximo témolo no Centro de Saúde de Marín que segue sen ter asistencia sanitaria presencial, sen ter cubertas todas as necesidades de persoal e onde hai serias dificultades para conseguir unha cita.
Ademais, é habitual a decisión de non cubrir a totalidade das baixas, permisos e vacacións, o que supón unha sobrecarga do persoal sanitario e administrativo e unha peor calidade asistencial para a veciñanza.
Nun momento, no que se debera reforzar a Atención Primaria para atender as doenzas que quedaron nun segundo plano coa pandemia e detectar aquelas que a pandemia xerou (especialmente na saúde mental) é incomprensible que dende o SERGAS se tome o camiño contrario, e que se recorte persoal e empeore este servizo que é o máis inmediato e próximo ás veciñas e veciños. Esta política de deterioro da sanidade pública está a provocar unha situación de colapso na atención primaria e as urxencias e a obrigar aos pacientes a acudir á sanidade privada para resolveren os seus problemas. O SERGAS é coñecedor da problemática do Centro de Saúde de Marín e sabe que a eliminación de persoal no Centro de Saúde de Seixo traerá aínda máis problemas que afectarán á atención sanitaria pública de todas as veciñas e veciños do noso concello. Haberá un deterioro do centro de saúde de Seixo, de referencia no maior núcleo do concello despois do casco urbano; concentraranse máis pacientes en Marín, vaise sobrecargar o PAC (Punto de Atención Continuada), haberá dificultades de desprazamento e aparcamento para as persoas das parroquias (especialmente para a xente maior) e unha peor calidade asistencial en todo o municipio. Ademais, o desmantelamento do Centro de Saúde contribuirá ao esmorecemento da actividade económica e social en Seixo.
Quen vai ao Centro de Saúde, pode realizar despois outras actividades económicas e comerciais (farmacia, correos, praza, etc). Se a atención sanitaria se 3 centraliza en Marín, favorecerase tamén a actividade comercial no casco urbano, o que terá un impacto moi negativo na vida comercial, económica e turística desta zona. Sirva de exemplo, a perda progresiva de varias entidades bancarias en Seixo que provocaron a saturación nas de Marín e, agora, o anuncio de peche da única sucursal que queda, despois de que Abanca fose rescatada con 9.000 millóns de euros públicos e siga xestionando parte do aforro das galegas e galegos con beneficios millonarios.
Se a Xunta quere pechar o Centro de Saúde, se permiten que pechen a única oficina bancaria que temos, canto tempo lle queda a Correos ou a Praza? Como pretenden que vivamos na parroquias sen servizos? Por todo o exposto, dende a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo esiximos de forma inmediata, firme e clara aos actuais responsábeis da Xunta, nomeadamente a Consellaría de Sanidade e o SERGAS, que dispoñan dos profesionais sanitarios necesarios para cubrir de maneira permanente a praza de medicina de familia así como a de enfermería e a de auxiliar do Centro de Saúde de Seixo, co obxectivo de permitir o seu funcionamento como ata o de agora e unha axeitada atención sanitaria á veciñanza.
Ademais demandamos que o resto de institucións, especialmente o Concello de Marín, se poñan do lado da veciñanza, asuman esta reivindicación e actúen facendo toda a presión necesaria para que se garanta a cobertura das prazas demandadas de xeito permanente e se free esta política de recortes que está a deteriorar a sanidade pública de todas e todos.
Por outra banda, reclamamos que o Concello e tamén a Xunta fagan as xestións necesarias para evitar a deslocalización de servizos de Seixo e a perda progresiva de actividade económica e comercial. Nese sentido, esiximos que as institucións públicas eviten o peche da única sucursal bancaria que queda en Seixo porque ofrece un servizo que, non sendo público, é esencial para o mantemento de dita actividade económica e comercial.
Dende a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo tamén queremos facer un chamamento máis á veciñanza das parroquias de Seixo, Santomé, O Campo e Ardán para que sigades defendendo a sanidade pública e o mantemento dunha atención sanitaria digna no Centro 4 de Saúde de Seixo. Do mesmo xeito, facemos unha chamada ao resto das veciñas e veciños de Marín para que apoien esta reivindicación porque na medida en que melloremos a atención sanitaria nas parroquias estaremos mellorándoa en todo o concello. Por último, dende a Plataforma queremos reiterar que mentres isto non se consiga, que mentres non teñamos garantían por escrito, mobilizarémonos o que sexa necesario para reclamar os nosos dereitos e evitar o deterioro e desmantelamento destes servizos básicos para toda a veciñanza das parroquias do Campo, Santomé, Ardán e Seixo. COA NOSA SAÚDE NON SE XOGA
Galería fotográfica de la manifestación, que terminó en las inmediaciones del centro de salud de Seixo: