Carriola.Lucía Santos Omil (*).19.07.21
Amosamos a satisfacción pola aprobación, no pleno municipal celebrado o pasado xoves 8 de xullo, da moción presentada polo BNG solicitando a rebaixa na tarifa eléctrica e que saiu aprobada cos votos favorábeis do BNG e PP e a abstención do PSOE.
O pasado 9 de Marzo do 2021, o Consello de Ministros, a proposta do MITECO, aprobou o Real Decreto polo que establece a metodoloxía que, xunto coas peaxes do sistema fixadas pola “Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia” (CNMC) na circular 3/2020 conforman a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora.
Esta reforma, xa prevista para o ano 2020 e demorada pola pandemia, entrou en vigor o pasado 1 de xuño e xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a COVID-19.
Consideramos que este é o caso do consumo doméstico e nomeadamente daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria dos que, na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.
De igual forma, outros sectores como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, pois as súa actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía. Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade.
No BNG consideramos que non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cuxo peso é relevante e cuxa necesaria revisión demándase tamén dende amplos sectores da sociedade, como son o importe do imposto especial da electricidade e o tipo de IVE que debe aplicarse, sendo a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo.
É por todo isto que a moción do BNG aprobada no Pleno solicitaba
1- Trasladar ao Goberno central o rexeitamento por parte do Concello de Marín da súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, singularmente os cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021.
2- Instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica baixo as seguintes premisas:
- a) Reducir os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4%.
- b) Beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos.
- c) Modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
(*) Portavoz Municipal do BNG de Marín