Carriola. Iria Aboy Ferradás(*). 10.10.21
Esta semana, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, celebrou asembleas veciñais polas parroquias para informar da grave situación do consultorio case tres meses despois desde que a Xunta nos deixara cun só facultativo para 2.200 persoas e, tamén, das protestas en resposta a esta situación.
A Plataforma convoca unha “cadea humana” para o vindeiro domingo 17 de outubro coa que queremos reivindicar “un segundo facultativo para Seixo, a cobertura da enfermeira que remata o contrato o 1 de novembro, así como novos servizos aos que temos dereito por volume de poboación, como pediatría. Con esta mobilización queremos facer visíbel, dun xeito chamativo, que a veciñanza das catro parroquias estamos xuntas nesta loita e imos xuntar as nosas propias mans para defender o Centro de Saúde dos recortes da Xunta.
A cadea humana, prevista para o domingo 17 de outubro, iniciarase ás 12:30h da mañá e estableceuse un punto de encontro para toda a veciñanza diante do Centro de Saúde, para posteriormente distribuírse dende alí á rúa Camiño Vello e á rúa Grupo Escolar. Convidamos á participación das familias enteiras e persoas de todas as idades, pois é unha actividade diferente e novidosa, e tamén, á veciñanza de Marín xa que a sanidade no noso concello está moi deteriorada. Ademais, vanse editar camisetas e bolsas de tea, que se poderán encargar en diferentes establecementos das parroquias e directamente aos membros da Plataforma, para visibilizar a loita veciñal das parroquias de Marín pola sanidade pública e por uns servizos dignos no rural.
Xa denunciamos tempos de espera para consultas de 20 días para o cupo do médico xubilado e que hai retrasos no outro cupo de máis de dúas semanas. E tamén que, os graves problemas que temos no consultorio, iniciáronse hai tres meses, cando nos deixaron sen o segundo facultativo. A partir do 1 de novembro remata o contrato a enfermeira que cobre a xubilación e aínda non nos comunicaron oficialmente se a van substituír con persoal estable. Buscan aburrirnos, cansar á xente, pero nas asembleas detectamos todo o contrario, porque a asistencia aumentou e o ánimo é bo para seguir.
Ademais desta acción de protesta, dende seguimos coas reclamacións escritas, coa distribución de cartelaría e xa manifestamos o apoio á manifestación do 14 de novembro en Santiago de Compostela á que acudirán todas as Plataformas galegas. A veciñanza das parroquias de Marín, estará presente e levaremos autobuses. Seguiremos facendo presión ate que a Consellaría rectifique e dote o noso centro de saúde do persoal necesario para unha atención sanitaria digna.”
(*) Portavoz da Plataforma