Carriola.Redacción.25.01.22
O Salón de Plenos acolleu a convocatoria de reunión deste órgano, que é presidida pola concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín. Por outra banda, os centros educativos están a recibir unha charla adicada ao alumnado de Secundaria de Marín sobre agresión e violencia sexual.
O Consello Municipal da Muller reuníuse onte no Salón de Plenos do Concello, co obxectivo de analizar cales serán as iniciativas que se levarán a cabo este ano en Marín para conmemorar o 8 de Marzo, Día da Muller. Esta convocatoria foi presidida pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Marián Sanmartín, e contou coa presenza de representantes do CIM de Marín, do departamento de Servizos Sociais, dos grupos políticos da Corporación municipal e das asociacións de mulleres ou con vocalía de Marín.
Propostas en estudio
Durante a reunión, intercambiáronse ideas de cara á elaboración da declaración institucional que se lerá no acto oficial dese día e xa se barallaron distintas proposta para escoller ao colectivo de mulleres que será homenaxeado.
Ademais, sinalouse que este 2022 cúmprense 8 anos da elaboración das viñetas reivindicativas que realiza o ilustrador Luís Davila e que serven, a través da arte e do humor, como canles de transmisión da realidade do colectivo ao que se lle adica cada ano esta xornada.
Charlas non centros educativos
Por outra banda, Marián Sánchez, directora do CIM, lembrou que se está a desenvolver unha charla nos centros educativos de Marín sobre agresións e violencia sexual. Esta charla informativa, que deriva inicialmente da Secretaría Xeral de Igualdade, ía ser só dunha única sesión, “pero - explicou a directorqa do CIM -pola gran importancia do tema e a demanda que había por parte da comunidade educativa, o Concello decidiu asumir o custe do resto de sesións para que así poida chegar a todo o alumnado de Secundaria do noso municipio ao longo do ano”.
A actividade está impartida por María Angélica Mercado Torres, mestra en lingua estranxeira e especialista en políticas e estudos de xénero, con experiencia en coordinación de proxectos sociais e na charla, abórdanse temas como os estereotipos, a cultura da violación, a violencia sexual no eido dixital e outras cuestións relacionadas coa violencia de xénero, dándolle ao alumnado ferramentas prácticas para a detección e a prevención da violencia sexual.
Formación en igualdade na web
Desde o CIM lembrouse tamén que “a través da web (https://cimdemarin.es/) están activa unha formación en igualdade, cuxos temas versan sobre o concepto de Igualdade, a diferencia entre sexo e xénero, a división dos espazos e as novas masculinidades”.
Finalmente, a concelleira da area manifestou “Con todas estas accións en marcha, queremos mostrar que facemos práctico ese lema que acuñamos o 8M do ano pasado que dicía: Marín, todos os días contra a violencia de xénero”.