The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

A Plataforma de Seixo convoca para mañá venres unha xornada reivindicativa con asemblea e concerto

Carriola.Iria Aboi (*).21.07.22

A Plataforma convoca á veciñanza a unha asemblea despois dun ano de loita por unha atención sanitaria digna para preparar novas protestas. No acto presentarase “o monumento a un ano de loita veciñal” e haberá unha actuación musical do grupo de veciñ@s A Revolta

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, convoca unha nova asemblea veciñal o venres 22 de xullo ás 21h na Alameda de Seixo, aberta a todo o concello, para informar “da situación do Centro de Saúde de Seixo e de Marín neste momento, así como do grave problema das urxencias do PAC no concello e no Hospital Montecelo” e, tamén, das novas protestas despois dun ano de loita por unha atención sanitaria digna.

O acto iniciarase cunha asemblea ao que lle seguirá a presentación do monumento a un ano de loita veciñal, unha estrutura artesanal, feita pola Plataforma na que a veciñanza poderá verse reflectida”. Para remate actuará o grupo musical marinense A Revolta. Isto terá lugar a partir das 21h do venres na Alameda de Seixo, un espazo aberto que facilita o mantemento das medidas de seguranza contra a Covid.

Visibilidade a un ano de protestas

Con este acto, a Plataforma pretende facer visible o ano de protestas que protagonizaron as veciñas e veciños do concello de Marín: dende a Manifestación multitudinaria de Seixo, á concentración en agosto diante do concello ou as mesas de reclamacións, os carteis nas casas e comercios, as mocións, as asembleas veciñais, a cadea humana polo centro de Seixo, a manifestación en Santiago, as pancartas en diferentes lugares de Marín, a denuncia á Valedora do Pobo ou a manifestación polo casco urbano... 

O conseguido

Do mesmo xeito, dende a Plataforma salientamos o conseguido neste tempo, a comezar porque a Xunta non conseguise pechar o Centro de Saúde e deixarnos sen ningún médico como pasou e pasa noutros centros de saúde da Área Sanitaria Pontevedra-o Salnés.

Apuntamos ademais que as protestas veciñais serviron para presionar e que se cubrise a tempo completo a segunda praza de enfermería que quedara vacante por xubilación en Seixo, que se cubrisen dúas prazas de medicina de familia vacantes en Marín, aínda que sigan faltando máis por cubrir, e que nos mandasen un remendiño de 2 días á semana durante uns meses, para tentar parar as protestas e que eliminaron este verán.

Mobilización necesaria

Lembramos que mobilizarse contra os recortes é necesario porque, quedando na casa, perderiamos o máis valioso que temos que son os servizos públicos a comezar polo dereito á saúde por iso convidamos ás veciñas e veciños a que asistan á asemblea porque temos que seguir coa presión á Xunta, como están facendo tamén noutros lugares.

E tamén que hai un ano non nos fiamos do que dicían dende a Xunta e repetía a Alcaldesa Ramallo e o seu equipo. E tiñamos razón. Hoxe ninguén pon en dúbida que en xeral a atención sanitaria está moito peor, tamén no noso concello. Para mostra o caso dos nosos veciños cunha nena de 12 meses que precisaba ser operada urxentemente e tiveron que agardar case unha hora pola ambulancia para facer o traslado do Hospital Provincial de Pontevedra ao Clínico de Santiago. Todo isto mirábase vir e por iso levamos 1 ano loitando.

Contraprogramación

Finalmente lamentamos que a Alcaldesa Ramallo e o seu equipo non estean a apoiar ningunha iniciativa para mellorar a atención sanitaria no municipio pero contraprogramen á Plataforma, mudando a actuación dun DJ polas festas do Carme en Seixo prevista no programa e nos carteis xa pegados para o sábado 23 e que agora pasa ao venres 22 á noite. É ben triste que o noso concello actúe así

(*) Iria Aboi é a portavoz da Plataforma de Seixo