Carriola. Lucía Santos Omil (*). 30.07.22
Existe o perigo no que se atopa o petróglifo de “A Godalleira” e solicitamos as medidas oportunas para garantir a súa protección lamentando que o PP siga sen desenrolar o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico, e que se deixe pasar o tempo e non se poña en valor algo tan importante do noso concello, que permitiría atraer visitantes o que, en último caso, repercutiría na economía local.”
Desde o BNG temos rasladado á comisión informativa de cultura a situación de perigo na que se atopa o petróglifo de “A Godalleira” en Portocelo, tras unhas rozas do monte e a intención de construir un pozo ao seu carón, e a solicitude de que o goberno local tome as medidas oportunas para garantir a protección do petróglifo.
Vimos pedindo insistentemente nos últimos anos ao goberno local do PP diferentes actuacións para a protección e posta en valor do diverso patrimonio arqueolóxico de Marín, que se atopa nun estado de abandono lamentábel. As mámoas do chan de Castiñeiras pertencentes ao concello de Marín atópanse sen ningún tipo de sinalización nin identificación e cubertas totalmente polas silveiras. Esta situación contrasta notabelmente co tratamento que o concello veciño de Vilaboa proporciona ao seu patrimonio arqueolóxico, onde as mámoas forman parte dun sendeiro sinalizado, están perfectamente limpas, sinalizadas e con valado, e aínda podemos observar a sinalización e información dos gravados realizados por Pepito Meijón, cousa que en Marín, terra de onde era veciño, non acontece en ningún lugar.
Levamos anos solicitando a promoción do menhir de Currás, e cómpre lembrar que estamos a falar do menhir máis grande de Galiza conservado nunha peza enteira. “Se ben é certo que se instalaron, a raíz destas peticións, uns paneis informativos no entorno do menhir, a sinalización e indicación do monumento megalítico é inexistente a día de hoxe, polo que a calquera persoa que soubera da súa existencia e quixera visitalo resultarialle imposíbel dar con el. E inexistente tamén é a súa difusión con panfletos informativos dispoñíbeis para a veciñanza e visitantes.”
Temos que lamentar que o PP siga sen desenrolar o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico, iniciativa aprobada no Pleno da Corporación municipal a proposta do BNG en febreiro de 2017, para a protección e posta en valor deste importante patrimonio. Pasaron xa 5 anos e medio desde a súa aprobación e o goberno de María Ramallo continúa amosando un desleixo total e absoluto polo patrimonio arqueolóxico e polos acordos plenarios.
Nestes 5 anos e medio transcorridos desde a aprobación do Plan de Protección, as actuacións por parte do PP limitáronse ao mantemento e conservación do patrimonio xa posto en valor por gobernos anteriores, mais non se avanzou o máis mínimo en canto á protección e posta en valor do restante e numeroso patrimonio co que contamos. E aínda cómpre lamentar a desafortunada intervención realizada en 2020-21 no castro de A Subidá, que contou co absoluto silencio do goberno local.”
Marín conta cunha gran riqueza en patrimonio arqueolóxico. Ante a manifesta insensibilidade do goberno local o BNG presentou unha moción, que resultou aprobada, en febreiro de 2017, para a súa protección e posta en valor. Máis de 5 anos e medio despois lamentamos a inacción do goberno local para levar a cabo medidas de protección e difusión do rico patrimonio arqueolóxico no noso concello, en primeiro lugar para o coñecemento e desfrute da propia veciñanza e tamén para poñer en valor como puntos de interese turístico.
(*) Lucía Santos Omil e a portavoz Municipal do BNG