Carriola. Informa C.R. Ría de Marín
O Clube de Remo Ria de Marín organiza un obradoiro ecolóxico e unha batida de limpeza cos seus deportistas
O pasado 3 de setembro, o Club de Remo Ría de Marín levou a cabo un obradoiro de concienciación ecolóxica entre os seus deportistas no que participaron un total de 24 mozos e mozas de entre 10 e 17 anos. A continuación do obradoiro, a rapazada foi dividida en dous grupos para limpar dúas das áreas da contorna marítima que adoitan visitar durante os seus adestramentos. Así, un dos grupos foi cara a Praceres, cubrindo a área dende o Parque Azul ata a pasarela de madeira, cun total de 1,5 km, na que recolleron 7 kg de residuos . O segundo grupo foi cara ás praias ata a entrada de Mogor, nun percorrido de 1.4 km no que recolleron 4 kg de residuos.

Esta iniciativa forma parte do proxecto "O remo, elemento integrador na ría" que conta co financiamento do GALP, dentro dos proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do FEMP. O proxecto inclúe ademais un curso de introdución e iniciación da práctica de remo para nenos dos Centros de Cohesión Social do Príncipe Felipe que se está a desenvolver durante as fins de semana de setembro.

Con estas iniciativas o Club de Remo reforza o seu traballo para achegar o mundo do mar e a práctica de remo a colectivos máis diversos e en risco de exclusión social, así como incrementar a concienciación ecolóxica entre as novas xeracións, especialmente no relacionado co medio mariño.