Carriola.Julio Santos Pena.25.09.22
Corría o ano 2013 cando “Xornadas de Reencontro coa Historia de Marín” organizaba un acto de homenaxe a Elixio Rivas Quintas, o “Hermano Rivas”, que fora profesor e administrativo paúl do Colexio San Narciso durante moitos anos. Tivera eu a honra de pronuciar a semblanza do personaxe ante o numeroso público presente e na miña intervención falei como admirador da personalidade cultural do Hermano Rivas e da miña relación con él, como exalumno primeiro e compañeiros despois, no San Narciso. E hoxe, coa tristura da nova do seu pasamento, recupero aquel texto co sentimento vivo pola definitiva marcha dun amigo e pola perda irreparable para a cultura galega.
Para min é unha honra ter a ocasión de intervir neste acto organizado unha vez máis polo colectivo “Xornadas de Reencontro coa Historia de Marín”, en realidade polo seu creador Ángel García Carragal, especialmente por que vai dirixido a un personaxe de gran relevancia cultural que foi veciño deste povo durante moitos anos; que é un dos verdadeiros pilares da cultura galega polo seu incesante traballo e polos coñecementos que adquire cun inxente labor de investigación e transmite con gran acerto aos galegos como nesta e noutras moitas ocasións e lugares se lle recoñece. Tiven a satisfacción de ser o seu alumno de neno e compañeiro de profesión como mestre despois, ademáis de ter andado algún camiño cultural ao seu carón polo que a miña satisfacción no día de hoxe e ainda maior neste intre.
Feita esta breve introducción heime referir aquí, a este personaxe de grandísimo interés no eido da ciencia e do estudio como é Elixio Rivas Quintas, para todos os mariñenses coñecido como o “Hermano Rivas” e, especialmente, para moitas xeneracións de veciños desta vila aos que nos veu crecer entre os muros do vello Colexio San Narciso primeiro, e as modernas instalacións de Chan do Monte despois mentras vivíu en Marín como membro da comunidade relixiosa dos Padres Paúles, parte integrante desta vila desde hay moitos decenios. Pouco podíamos imaxinar cando, nun día do outono daqueles de mediados do século pasado que, aquel home xoven que recibía os papeis da nosa inscripción no colexio onde pasaríamos varios anos da vida entregados ao estudio (unhas veces máis que outras), sería co tempo un dos máis destacados homes no eido cultural galego. Mirabamos a o “Hermano Rivas” con moito respecto porque sempre amosou un aspecto de home serio e entregado ao traballo na segredaría do centro, vestido coas roupas propias do seu estado clerical de cada momento e enfrascado entre os libros de escolaridade tras a vella máquina de escribir ou atendéndonos pola ventaniña de vidro esmerilado pola que mercabamos lápices, gomas, libretas ou calquer material preciso para o noso traballo escolar.
Daquela non podía sospeitar que o “Hermano Rivas” tiña outra función persoal e tan importante como a de ir taballando como laboriosa formiga na recompilación de milleiros de datos, nomes, sinónimos dos nomes, datas de ésto ou do outro, e vivindo intensamente o seu labor á espera da súa explosión cultural, plasmando co tempo en libros e publicacións, todo o seu saber que é moito como o ven demostrando nesta fructífera parte da súa vida da que se ha de ir, como iremos cada quen cando nos toque, coa ledicia dun deber comprido deixando unha estela de sabedoría adquirida a base de esforzo, de traballo e de satisfacción propia polas cousas ben feitas e, se cadra, coa sensación de que lle quedará moito ainda que facer pois, as persoas como Elixio Rivas, nunca se dan por satisfeitas do realizado ainda que deixen, non só unha recolleita fructífera, senón o xermolo da ciencia e do interés pola sabeduría nas xeneracións futuras nas que, o traballo de xentes como el, non queda valeiro e aquí temos a mostra con este sinxelo recoñecemento do povo de Marín. Descubrín un día, sendo ben neno, que o “Hermano Rivas” tiña unha sensibilidade distinta a daquel personaxe de aspecto serio que cada día miraba tras a ventaniña aberta no vidro traslúcido da segredaria do colexio. Naquel tempo nada doado para as familias que arrastraban a mediocridade económica da época, o meu pai era emigrante en Holanda como tripulante de barcos mercantes. E cando viña á casa, ao cabo de moitos meses de marea, sempre adoitaba traer con él algunha novidade quizabes impensable na España do momento. Aquel ano apareceu cun magnetofón portátil, cos seus carreteis de cinta grabadora e un micrófono moi sensible que recollía calquer son con exquisita precisión ou, alomenos, era o que parecía porque tal artiluxio nunca se vira por estas terras. Non sei por qué razón levei aquel aparello electrónico ao colexio no que xa tiña gravados algúns discos dos que saían por Radio Pontevedra e algunha que outra curiosidade xuvenil e, Elixio Rivas foi quen de toparlle outra función moito máis poética e sensible como a de ir co aparello acústico ao monte pola mañanciña e gravar o rechouchío dos paxaros desta ou daquela especie que él me ía decindo e que, para mín, eran tan só paxaros que voaban; ou recoller o rumor das augas de calquera aloucado regato que corría monte abaixo na percura do mar. Decateime entonces de que Rivas Quintas era un home de saber, sensible y quén de debullar entre a espesura dun monte á búsqueda da maxia do canto dun paxariño, unha das súas paixóns de lecer como o é tamén o reproducir a súa forma e imaxe con tan só manipular un par de follas de palmeira. Pasaron os anos e logo do percorrido, daquela habitual, do estudio da carreira, o servicio militar e algunha que outra aventura xuvenil, retornei ao colexio San Narciso como mestre. E alí seguía Elixio Rivas Quintas, na súa intensa e importante tarefa de organizar a segredaría do centro pero xa cunha vida enfocada cara ao mundo da cultura galega, sacando a relocir o seu saber e os coñecementos atesourados durante tantos anos de estudio e preparación como quen vai aforrando día a día e céntimo a céntimo, ata encher o peto dunha riqueza cultural que o “Hermano Rivas” comparte xenerosamente cos demáis. Nesta nova etapa da miña relación compartimos a creación do grupo folclórico “Os Chaneiros”, dúas ducias de rapaces do colexio que, dirixidos por Marino Domínguez, pai paúl e profesor do propio centro, foi o orgullo de Marín e de Galicia enteira. Con eles percorremos canta aldea, parroquia, vila e cidade galegas hai e, Elixio Rivas, soubo sempre apoiar aquela iniciativa e nalgunhas ocasións tennos acompañado nos desplazamentos en especial polas terras ourensáns. Moitas cousas aprendimos coa súa proximidade e do seu saber. No repertorio daquel momento do grupo hai algunha letra da autoría de Rivas para engadir as muiñeiras que compoñía para “Os Chaneiros” o músico Antonio Rodríguez, tamén traballador do centro. Por aquela, Elixio Rivas sorprendeu a todos os mariñenses cunha das súas primeiras obras como foi “Toponimia de Marín”, publicada no ano 1979 e que lle serviu como Tese Doutoral. Probablemente os veciños desta vila sorprenderíanse do contido deste libro, que non debería faltar nas estanterías de cada unha das casas de Marín, que recolle todas e cada unha das denominacións toponímicas moitas, quizabes a maioría delas, perdidas para o coñecemento popular. Doutor en Filoloxía Románica, Elixio Rivas deixa definitivamente Marín e incorpórase como profesor á Universidade de Santiago de Compostela. É correspondente da Real Academia da Historia, e membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e, a aportación que ven facendo á cultura galega, atesoura un incalculable valor que, xeneracións vindeiras, saberán apreciar, con toda seguridade. As publicacións “Frampas I, Frampas II e Frampas III, dos anos 1978, 1988, 2.000 respectivamente, representan unha valiosísima contribución ao diccionario galego de 15.000 palabras e, tras elas Rivas Quintas publica “A Limia” que foi premio Otero Pedrayo 1980; “Historia del Santuario de los Milagros”, “A Necrópolis de San Salvador da Roza”, “Lingua Galega, Historia e Fenomenoloxía” e un longuísimo etcétera de obras que refiren o saber de Rivas sobre as cousas de sempre que merecen ser recollidas neste mundo onde a xente todo esquece mentras corre cada vez a mais velocidade sen saber moi ben cara a onde.
Nada fuxe á obra literaria de Rivas Quintas e nos seus libros aparecen o millo, o horreo, o muíño, a auga na Natureza, a rega e outros servicios, o carro e a carriza... seguramente porque Elixio Rivas non é quen de esquecer a etapa de neno en “Fondo da Vila”, na Xunqueira de Ambía, en Ourense, lugar que o veu nacer alá polo ano 1925 e onde fraguou a súa firme vontade e un espíritu de traballo fora do común ou común entre os grandes homes das ciencias e das letras como él que merecen ser recoñecidos por todos nós para ben da nosa historia, do noso pasado e tamén do noso futuro que se sustentará no traballo destes grandes homes cos que Marín, pola gracia de Deus, tivo moito que ver. Oxalá que o noso Hermano Rivas teña por diante moitos anos de vida para seguir con esta tarefa que nós, e as futuras xeneracións de galegos e galegas, só lle poderemos pagar con admiración e con agradecemento. Moitas gracias