Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

Reclaman a reedición da "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas e a dixitalización da súa tese nas VI Xornadas de Patrimonio de San Xián

Carriola.Informa M.Pituco.26.11.22 

As VI Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que comezaron esta semana -organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema "Elixio Rivas, raizame das palabras"- serviron para urxir a reedición da "Toponimia de Marín" elaborada polo filólogo ourensán afincado nesta vila durante 21 anos, e para reclamar que o Concello de Marín cumpra o compromiso subscrito en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento.

O Museo Manuel Torres acolleu unha charla do profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio San Narciso e correspondente da Real Academia Galega, que promoveu que Elixio Rivas lle cedera ao Concello o seu traballo académico, presentado en 1978 e cualificado cun "sobresaliente cum laude", coa finalidade de estar á disposición da cidadanía.

Parafraseando o emblema do escudo marinense, Silveiro referiuse a Rivas como "nostra fortuna", xustificando a necesidade de recuperar o libro que resume esa tese nalgo máis de 400 páxinas, publicado en 1982 pola Universidade de Santiago.

A toponimia como ferramenta didáctica

Ademais de comparar o labor de Rivas -que documentou preto de 16.000 palabras galegas- coa achega de Frei Martín Sarmiento no século XVIII, Silveiro salientou que a "Toponimia de Marín" foi a primeira que se centrou nun ámbito local. Partindo dese carácter pioneiro, este docente vén impulsando un proxecto de posta en valor da toponimia como ferramenta de uso didáctico, conseguindo xeolocalizar 1.022 topónimos marinenses na plataforma Galicia Nomeada coa implicación do alumnado de Secundaria e Bacharelato do Colexio San Narciso.

O reto continúa e está aberto á participación doutros centros de ensino, colectivos e veciñanza a nivel particular; un xeito de contribuír a que a memoria de Elixio Rivas e o seu valioso legado sigan presentes.

Audiovisual sobre Elixio Rivas Quintas

Durante o encontro tamén se proxectaron fragmentos dunha entrevista audiovisual realizada en 2019 na que Elixio Rivas repasaba a súa vida, os seus estudos universitarios de Filoloxía Románica, as súas investigacións etimolóxicas e os seus numerosos libros sobre toponimia, lexicoloxía e onomástica, ademais da relación intelectual que mantivo con persoeiros como Antonio Blanco Freijeiro, Alfredo García Alén e Carlos Paratcha. A este último, mestre e colaborador do Museo de Pontevedra na descuberta de numerosos xacementos arqueolóxicos, dedicóuselle a terceira edición destas Xornadas de Patrimonio.

O Colectivo Monte Pituco sumouse á petición para que tanto Carlos Paratcha como Elixio Rivas sexan recoñecidos polo Concello de Marín.

Recta final  das xornadas

As VI Xornadas de Patrimonio de San Xián continuarán mañá sábado, a partir das 17:00 horas no monolito erixido enlembranza de Xan Montenegro, onde os seus familiares e achegados organizarán un acto cívico polo seu 11º cabodano. Presidente do colectivo veciñal da parroquia, activista político, social e cultural, Montenegro acadou importantes logros na mellora e modernización desta zona, polo que nos últimos anos vense reivindicando que a estrada de San Xián leve o seu nome.

A derradeira actividade das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián consistirá, se o tempo o permite, nunha ruta de sendeirismo pola contorna rural da parroquia, que partirá este domingo ás 10:00 horas dende o adro da igrexa, visitando elementos etnográficos como fontes, lavadoiros e muíños, e identificando os nomes dos lugares na "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas para coñecer a súa orixe.

 

 

roslev