Carriola.Iria Aboi (*).05.02.23
A Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo participará na manifestación do 12 de febreiro en Santiago convocada por todas as plataformas “en defensa da sanidade pública”. A Plataforma informa que haberá autobuses desde Marín e as parroquias a pesar da falta de apoio, outra vez, do goberno municipal de M. Ramallo.
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, vai participar da manifestación que convocan todas as plataformas galegas o 12 de febreiro e que sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela “en defensa da sanidade pública” e fletará autobuses desde Marín e as parroquias.
Dende a Plataforma, chamamos a participar a todas as veciñas e veciños do concello de Marín dada a grave situación da sanidade pública. Sobran os motivos para manifestarse e, como esemplo en Marín, a media de espera para unha cita no médico de cabeceira é dunha semana e pode chegar nalgún cupo a 15 días; nas urxencias do PAC falta médic@ día si día tamén; hai problemas serios en pediatría, cancélanse citas e mándanche ir de urxencias, os controis pódense demorar ata un mes; as urxencias de Montecelo están desbordadas e para especialistas hai esperas que poden chegar ao ano. Alguén pensa que vai ben a sanidade cando a un paciente crónico de neumoloxía cítano para un control aos 6 meses do tratamento e solicita a cita á saída da consulta en decembro do 22 e danlle cita en novembro do 23? Alguén pensa que vai ben a sanidade cando antes facías a radiografía e case non agardabas polo resultado e agora ata as facemos en Marín e para poder ter a placa informada por especialistas temos que agardar máis dun mes. Todo o mundo miramos que isto non vai ben, menos o Conselleiro e a nosa alcaldesa que negaron os recortes na súa reunión da semana pasada. Como eles non os padecen, seica non existen.
Przo ata o día 9 para anotarse para os autobuses
Dende a Plataforma, ao igual que outras de carácter local de diferentes concellos, sumaranse a esta convocatoria para demandar máis recursos, especialmente persoal. Haberá autobuses aos que se pode anotar calquera persoa sexa das parroquias ou do centro de Marín en diferentes establecementos das parroquias, así como no 699 484 676 ou no facebook. O último día para anotarse será o xoves 9 de febreiro, incluído, pero recomendan anotarse con tempo para non quedar sen praza.
Sen apoio municipal
Temos que criticar a falta de apoio e colaboración, outra vez, do goberno municipal que preside M. Ramallo. Concellos como Moaña, Bueu, Poio, Pontevedra, O Grove, Meis, Ribadumia, Cambados ou A Illa de Arousa contratan autobuses para axudar aos seus veciños a desprazarse a Santiago. Mesmo a mancomunidade de concellos do Baixo Miño, con alcaldes do mesmo partido que o que goberna en Marín poñen autobuses, porque entenden que primeiro están as veciñas e veciños e despois o PP. En Marín a nosa alcaldesa segue actuando con desidia e antepoñendo os intereses do seu partido aos intereses da veciñanza de Marín.
Pero, a pesar desa falta de apoio, as veciñas e veciños imos ir a Santiago cos nosos propios recursos e seguiremos movéndonos porque non podemos permitir que se xogue cun dereito básico como é a nosa saúde.”
(*) Iria Aboi Ferradás é a portavoz da Plataforma de Seixo