Carriola.Redacción.06.02.23
O Pleno celebrado onte no concello de Marín acordou o texto da que será Declaración Institucional no Día Internaconal da Muller, o próximo día 8M, texto que reproducimos a continuación íntegramente:
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, non é unha data conmemorativa sen máis, é unha chamada de atención sobre a inxusta situación da muller e a súa loita histórica por conseguir a igualdade plena. O argumentario para soster as desigualdades está baseado en razóns que non se sosteñen baixo ningún concepto: nin a falta de recursos e medios, nin que as mulleres nacen cunha predisposición xenética para atender o fogar e a familia, nin que unha muller que traballa desatende as necesidades familiares.
Como sociedade, temos o deber de denunciar esas inxustizas: os traballos non son de homes ou de mulleres, achegan calidade de vida, estrutura social e benestar. Todas as persoas temos o dereito a un traballo digno e as institucións e administracións, con capacidade para mellorar as nosas vidas, deberían facilitar este dereito lexítimo.
Pero a realidade non é esa: o colectivo de mulleres está infrarrepresentado en todos os réximes da Seguridade Social, excepto no Sistema Especial de Empregos do Fogar, no que a presencia masculina continúa a ser mínima.
Temos que denunciar a situación de precariedade do traballo autónomo, un sector con necesidades de cobertura social e económica, de redes de apoio para facilitar a conciliación ou a dignificación de mulleres emprendedoras como modelos para continuar o camiño. Por iso, este 8 de marzo de 2023 quixéramos dedicarllo a todas as mulleres, pero especialmente ás autónomas ao fronte de negocios propios do pequeno comercio local.
Con este documento tamén queremos denunciar unha realidade que afecta ás mulleres, o negocio da prostitución, xustificado como traballo sexual comercial. A prostitución non é un exercicio libre de compravenda entre persoas iguais en dereitos e liberdades. Trátase dun exercicio de poder e sometemento. España é o primeiro país de Europa en consumo de prostitución, e o terceiro a nivel mundial. É un dato vergoñento que indica que aínda hai moito por facer no eido da igualdade. Esta reivindicación non é actual, pois no ano 1886 Concepción Arenal encabezou o movemento abolicionista da prostitución coa súa “Oda contra la esclavitud“, e agora no século XXI continúa a ser unha escravitude para moitas mulleres.
Polo tanto, con esta declaración, comprometémonos a apoiar medidas efectivas, que traballen en prol da igualdade e contra calquera forma de violencia contra ás mulleres. Comprometémonos a activar recursos e estratexias que faciliten a ruptura dos estereotipos de xénero a través de accións concretas de formación, información, sensibilización e expresión artística nos centros educativos, nas rúas ou en calquera outro escenario de intervención.
A igualdade é unha necesidade democrática, indispensable para a construción dunha sociedade xusta, libre e igualitaria. Necesitamos a acción colectiva de homes e mulleres, para garantir que non se cometan máis actos de vulneración dos dereitos das mulleres.