Carriola.Lucía Santos Omil.25.01.23
Vivimos nun planeta onde moitas persoas sofren carencias e situacións inxustas, polo que resulta esencial contribuir á construción dun mundo máis xusto e solidario.”
Tal e como se recolle nos seus principios, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galiza unidas pola vontade común de contribuir á erradicación das desigualdades, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galiza.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu no 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e está integrado na actualidade por 100 concellos das catro provincias e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo.
A adhesión das administracións locais a esta asociación ten como obxetivo concienciar e comprometer á cidadanía galega mediante accións de cooperación ao desenvolvemento, co obxeto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países empobrecidos, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol dunha maior equidade a nivel global.
O BNG vimos de presentar unha moción para solicitar ao Concello de Marín a adhesión ao “Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”. pois vivimos nun planeta onde moitas persoas sofren carencias e situacións inxustas, polo que resulta esencial contribuir á construción dun mundo máis xusto e solidario.
A adhesión do noso concello ao “Foro Galego de Cooperación e Solidariedade” permitiría contribuir desde Marín ao traballo a prol da erradicación das desigualdades e inxustizas actualmente existentes no noso planeta, e mellorar as condicións de vida de moitas persoas e ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas, de cara á plena realización dos Dereitos Humanos Universais.
Dende a súa fundación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten levado a cabo uns 170 proxectos en máis de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. É preciso canalizar as iniciativas de colaboración e solidariedade da cidadanía, polo que formando parte desta entidade as accións estarían coordinadas, con coñecemento das necesidades de cada lugar, resultando así realmente eficaz.”
(*) Lucía Santos Omil, Portavoz Municipal do BNG