Carriola.Manuel Santos Costa (*).23.04.23
Vistas as declaracións feitas polo portavoz do PSdG, Manuel Pazos Lamoso, procedemos a contestar para aclarar certas cuestións. Non sabemos se é por ignorancia, descoñecemento ou mala fe, pero afírmanse certas cousas que non son certas ou que precisan de aclaración para entendelas mellor.
En canto a que non se cumple o principio de estabilidade orzamentaria, temos que dicir que dende o ano 2020 pola crise da pandemia, está en suspenso o cumprimento das regras fiscais, entre elas a estabilidade, polo que non se ten por que cumplir a mesma. Esta é unha medida para facilitar que os concellos puidesen utilizar os Remanentes de Tesourería sen ningún problema.
Que se produza o dato da inestabilidade ten dous motivos como se expresa no informe de Intervención: a utilización dos remanentes de Tesourería que se utilizaron no ano 2022 para a execución de inversións e tamén pola contabilización obrigatoria da liquidación negativa de máis de 1 millón de euros na participación de tributos do estado do ano 2020 ( ano de pandemia ).
Porcentaxe da débeda municipal
En canto á débeda, dicir que estamos nun nivel do 28% de endebedamento, cando temos ata o 110% posible de endebedamento. E curiosamente 2.500.000.-€ desa débeda, son froito do pago da sentencia que obrigou ao Concello a pagar á empresa Urbaser por non facer a revisión de precios no contrato de recollida de lixo subscrito polo bipartito no que estaba gobernando o PSOE (que por certo por coherencia votaron a favor no Pleno para este préstamo). Polo tanto, eles mesmos son tamén responsables da mesma.
E o resto da débeda foi destinada a inversións, posto que como xa temos comentado en innumerables ocasións, co orzamento municipal non hai recursos suficientes para destinalos ao capítulo de inversións.
Incoherencia socialista
Pero por outro lado o Sr. Pazos Lamoso por exemplo ven pedindo que solicitemos un préstamo de máis de 6 millóns de euros para levar a cabo dende o propio concello un aparcamento soterrado municipal ou que nos sigamos endebedando para facer máis inversións. A incoherencia é total por parte do portavoz socialista.
Tal e como di tamén, os aforros reducíronse 2 millóns de euros nos últimos anos. Lóxicamente é certo, posto que foi necesario adiantar a financiación dos proxectos que se veñen executando cos fondos europeos (que posteriormente serán reintegrados por parte do Ministerio), e tamén para a execución de todas as obras e proxectos que se executaron utilizando eses remanentes de Tesourería, como se ven facendo en todos os concellos que teñen remanentes de Tesourería.
Falsedade en canto aos gastos en publicidade
En canto aos importes destinados a publicidade que di o portavoz socialista que se duplicaron en relación ao exercicio anterior, é absolutamente falso.Non sabemos se o sr. Manuel Pazos sabe interpretar os datos da liquidación, tal como dixemos antes, e non sabemos se é por ese motivo ou por mala fe, pero o certo é que o importe destinado a publicidade no ano 2022 quedou en menos da metade do que comenta o portavoz socialista.
Polo tanto insistimos no balance positivo na xestión económica levada a cabo no concello a longo de todos estes anos e a boa saúde das arcas municipais.
(*) Manuel Santos Costa é o concelleiro de Facenda