Hoxe, como todas as semanas reproducimos un relato do mestre, pintor e escritor, Manuel Torres Martínez que leva por título “O Labrego i o raposo”, extraído da súa publicación “Do meu Cartafol”. Como sempre respetamos a escrita do mestre tendo en conta que o texto eé moi anterior á la Normativización do Idioma Gallego.
O Labrego i o raposo
Estaba unha vez un labrego mirando con ledicia unha galiña que lle sacara doce pitiños coma doce bolas de alguedón, que andaba co eles dequí para alí fachendosa, como se quixera amostralos a todo o mundo
E vaites que naquel intre apareceu un raposo e parouse de pasmo diante da galiña e do froito da súa deitaxe
- Seica che gustan - preguntoullo o labrego ó raposo.
- ¡Moito! - respondeullo o raposo como si lle fixera a boca auga -. E si Dios me da saúde penso ilos papando un por un, porque cousa de tanta cobiza nona papei na miña vida.
-¡Por Dios, amigo raposo! Prégoche que non me prives de velos medrar, a ver si salen de caste como prometen.
- Non pode ser. Pois se me parase a darlle gusto á xente, morrería de fame
´- Pero mira, home -engadeu o labrego -¿Que proveito sacarías se comeras unha a unha estas migalliñas de pitos que non teñen máis que lan? Agarda a que sexan máis grandeiros, e namentras eu pódoche mata-la fame con outra cousa de máis cobiza. Esta noite, por exemplo, despois das doce, ves pola eira, que elí heiche de dar tres pitas moi mantidas debaixo dunha cesta pra que non escapen. Logo vas tí, levantas a cesta e cómelas pitas a teu gusto.
- Boeno - dixo o raposo coidando ter un bo desquite coas tres pitas. E foise
Dimpois da medianoite, asegún o tratado,velahí ven o raposo co estómago preparado pra enfardar ás pitas. A cesta estaba no lugar sinalado. Chegouse a ela o raposo dándolle moitos arrodeos sin astreverse a levantala, rosmou para os seus adentros:
- Galiñas serán, pero chéirame a can.
Máis dimpois de andar a voltas arredor da cesta, vaise e, co fociño destapou o misterio e saíron de debaixo da cesta tres cadeliñas lixeiras e moi ben dentadas que botaron a correr a por do raposo, e o raposo a correr diante delas canto podía por silveiras e valados, a pesares do rabo no que ás veces ferraban os dentes as cadeliñas. Pero, ó fin, veuse libre i en lugar seguro, e asegún dixo un corvo que o escoitaba enriba dunha pola, queixábase o raposo desta maneira
- ¡Ai, miñas perniñas, que me librastes daquelas cadeliñas!. E ti, rabo, válate Satanás sempre turrando por min para atrás.