Carriola.Nota de prensa do Concello .24.08.23
julio@carriola.es
O Concello convoca unha reunión para mediar na data da celebración de San Migheleiro Será o luns ás 11.00 horas no Salón de Plenos e se convoca á hostalaría e ao Ateneo Santa Cecilia. Desde o Concello, insístese en que é preciso fixar a data no calendario para poder tramitar as correspondentes autorizacións, permisos e que o Concello contrate os servizos asociados á celebración da festa.
A festividade do San Miguel, patrón de Marín, e a súa Danza de Espadas é unha das datas máis significativas no calendario cultural marinense, unha tradición que nos sitúa no mapa e que está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia. De xeito paralelo, existe a festividade do San Migheleiro, que desde o 2011 vense apoiando sen fisuras por parte do Concello, que se fixo cargo durante todos este anos dos gastos da cartelería, as chapas, as charangas e batucadas, concertos musicais, os dereitos da SGAE, ambulancia, a contratación dun batallaón de limpeza nocturna para que Marín amanecese ao día seguinte en perfectas condicións…, tal e como sempre se solicitou por parte do “Patonatro” e da hostalaría en xeral.
Ademais, o Concello tramita todas as autorizacións necesarias para a festa, como a ocupación de vía pública para a colocación de barras e música no exterior de cada local, asadoiros e todo tipo de comidas, e organiza os cortes de rúas, as prohibicións e restricións nas saídas e entradas de garaxes, así como o reforzo policial e da brigada municipal de limpeza e de obras para a colocación de vallas.
Petición do Ateneo Santa Cecilia
Chegados a este ano, ao 2023, o Ateneo Santa Cecilia traslada ao Concello de Marín a súa petición de mediar coa hostelería para non facer coincidir ambas festividades, xa que o “Patonato” deixou a súa actividade no 2022. As razóns do Ateneo son que, dentro da celebración do San Miguel, convidarase a unha danza branca doutro concello de Galicia para que faga a súa representación o sábado pola tarde na Alameda e que, o domingo, moitos dos locais de hostalaría que participan no San Migheleiro permanecen pechados. Por iso, mantívose unha reunión con ambas partes na que o Concello mediou para poder chegar a un acordo de datas, reunión da que resultou a decisión de celebrar San Migheleiro o sábado anterior ao 29 de setembro, Día de San Miguel, e a Danza de Espadas e o acto institucional o domingo posterior ao 29. Neste ano, coincidiría a celebración do San Migheleiro o 23 de setembro e o San Miguel o 1 de outubro, de tal forma, ademais, que a hostalaría poida aproveitar dúas fins de semana en setembro con gran actividade na vila, o que lles repercute moi favorablemente a nivel económico.
Nova reunión
O Concello manifesta claramente que fixar a data na que se celebre dita festividade non é importante para nós, mais si é esencial saber cando se vai levar adiante a festa por toda a organización e contratación que fai o Concello, tal e como se menciona ou inicio desta nota de prensa. Nova reunión coa hostelería e o Ateneo Santa Cecilia Ante as polémicas xurdidas e con ánimo de mediar, o Concello anuncia a convocatoria dunha nova reunión con toda a hostalaría e o Ateneo Santa Cecilia, coa finalidade de que poidan decidir que data será na que finalmente se celebre o San Migheleiro. A reunión será o luns 28 de agosto ás 11.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Marín.