Con motivo do Día da Terra irán desde o Castro da Subidá ata a Pedrafita de Currás.
Carriola.Redacción.20.04.21.
O domingo día 22 será o “Día da Terra” e a Asociación Almuinha quere celebralo de xeito activo organizando para o domingo día 25, un roteiro cultural e medioambiental que terá tamén un motivo paralelo como é a da recollida de resíduos que se poidan localizar durante a xornada. Desde a propia asociación comunican que a asistencia , por causas da pendemia, debe ser limitada polo que, as persoas que queiran participar na actividade deberán inscribirse antes no correo electrónico a.c.almuinha@gmail.com ou ben no facebook da A.C. Almuinha.
Saída e itinerario
A saída farase desde o Castro da Subidá as dez e media da mañán y, tras pasar por Penizas, o grupo participante chegará a Currás onde se atopa o menhir “Pedra de Casas Novas” ou “Pedrafita de Currás” que, aínda que está cambiado do seu lugar orixinal por mor das obras da circunvalación, ten un contido de alto interés prehistórico que será explicado polo historiador marinense Aarón Franco, que tamén dará explicacións no propio Castro da Subidá pola relevancia que teñen ambos monumentos ubicado no noso concello.
A duración prevista do roteiro é de dúas horas e media e, segundo indica Xurxo Agra do Pazo, portavoz da asociación convocante, “Esta é unha actividade coa que pretendemos varios obxectivos: fomentar hábitos saudábeis e a práctica do sendeirismo, coñecemento do noso patrimonio natural e arqueolóxico, e por último, concienciar en relación aos problemas provocados pola contaminación e da necesidade de conservación da biodiversidade porque cómpre coidarmos o noso planeta, o único que temos, actuando como cidadáns ambientalmente conscientes e responsábeis”.