The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

Zeivas e Espacio Feminista Marín rexeitan a violencia machista e piden apoio das institucións contra esta lacra

Ambos colectivos presentaron solicitude ao Pleno Municipal para que aborde esta escalada de violencia a nivel estatal

Carriola.Redacción.04.06.21

Zeivas Colectivo Feminista e Espazo Feminista Marín veñen de presentar senllas solicitudes ao Pleno da Corporación e ao Consello Municipal da Muller para que se aborde a nivel institucional a escalada de violencia machista que se está producindo a nivel estatal. A situación sanitaria motivada pola pandemia, coas restricións na mobilidade e nas reunións sociais, están a motivar unha desmobilización que, dende os colectivos feministas marinenses, se observa con inquedanza. Cómpre unha actitude firme, contundente e constante por parte dos organismos públicos e da sociedade no seu conxunto para evitar que os crimes machistas, as agresións físicas e psicolóxicas contra as mulleres estean pasando practicamente desapercibidos. Esta lacra combátese dende o ámbito local a cotío para que a sensibilización -comezando na primeira infancia e ampliándose á poboación adulta- se globalice.

Expresar condena e impulsar accións diversas

Zeivas e Espazo Feminista Marín instan os grupos políticos municipais a expresar a súa condena pública na vindeira sesión da Corporación e a impulsar accións a distintos niveis -educativo, sanitario, social, cultural…- para que quede constancia do rexeitamento por parte do Concello de Marín contra a violencia de xénero. Asemade, os colectivos feministas de Marín tamén solicitan a convocatoria extraordinaria do Consello Municipal da Muller ao entender que as mortes rexistradas en diversos puntos do Estado no que levamos do mes de maio -a máis recente, este pasado domingo en Guadalaxara, son indicadoras dunha perigosa tendencia que non entende de límites xeográficos nin de estratos socioeconómicos. Nese sentido, Zeivas e Espazo Feminista Marín demandan, entre outras iniciativas, a posta en marcha dunha campaña informativa sobre as medidas ás que poden acollerse as mulleres e as súas fillas e fillos que se atopen nunha situación vulnerable.

Quince mulleres asasinadas nos cinco primeiros meses do ano

No que vai de 2021, o Ministerio de Igualdade ten contabilizado 15 mulleres asasinadas por violencia machista; unha terrible cifra que, dende que se comezaron a recompilar datos en 2003, xa suma 1.093 vítimas mortais. O pasado 9 de maio, en Sagunto (Valencia), unha muller de 60 anos foi acoitelada pola súa exparella, que tiña unha orde de afastamento. O 17 de maio, en Sa Pobla (Mallorca), as vítimas foron unha muller de 28 anos, embarazada de tres meses, e o seu fillo de 7. Ao día seguinte rexistráronse dúas vítimas máis de 52 e 42 anos, en Creixell (Tarragona) e Corbera de Llobregat (Barcelona), respectivamente. Seguiulle unha muller de 48 anos o pasado día 20 en Pola de Laviana (Asturias) e o 23 produciuse outro crime machista en Zaragoza, cando un home con orde de alonxamento acoitelou a súa exparella, de 35 anos. Tamén morreu acoitelada pola súa parella outra muller de 41 anos esta fin de semana en Alovera (Guadalaxara). A estas mortes cómpre engadirlle, o pasado 22 de maio en León, o suicidio dunha muller que sufrira violencia machista.