Carriola.Redacción.26.08.26
O vindeiro 29 de agosto, o antigo campo de fútbol da Comunidade de Montes de San Xulián acollerá o encontro “Entresons”, unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural Os da Caña, a través da súa sección Rebumbio Percusión.
“Entresons” nace coa intención de converterse nunha xornada de convivencia arredor da música, o lecer e a gastronomía, reunindo tanto ás agrupacións participantes, como ao público que queira achegarse e compartir unha celebración na que a percusión será a gran protagonista.

"Maacumbé" en una actuación navideña
Para esta edición está prevista a participación de seis grupos de batucada: “Rebumbio Percusión” , “Vikingos”, “Axe Bahía”, “Maracumbé”, “Pintega” e “Kilomberos”, ademais da realización de talleres de percusión, ofrecendo así aos asistentes a posibilidade non só de gozar das actuacións, senón tamén de achegarse de maneira directa a este tipo de expresión musical.
Programa para todo o día
A programación desenvolverase ao longo de toda a xornada. As actividades comezarán pola mañá cun convite de benvida aos participantes, ao que seguirá unha sesión vermú, creando xa desde as primeiras horas un ambiente festivo e de convivencia.
Pola tarde chegará un dos momentos centrais de “Entresons”, coa actuación dos seis grupos de batucada participantes, que encherán de ritmo e percusión o antigo campo de fútbol de San Xulián.
Unha vez rematadas as actuacións realizarase un sorteo de agasallos entre os asistentes e para rematar a xornada continuará cunha sesión musical con DJ, poñendo o punto final a un día pensado para compartir música, diversión e convivencia.
Agradecementos
Desde a organización queren expresar o seu agradecemento a todas as empresas e entidades que colaboraron e fixeron posible a celebración deste encontro, e de maneira especial ao Concello de Marín e á Comunidade de Montes de San Xulián, pola súa colaboración e apoio á iniciativa.
Finalmente, a organización anima á veciñanza a achegarse a San Xulián e participar en “Entresons”, unha xornada aberta ao público que pretende facer da música, da percusión e da convivencia un punto de encontro entre persoas e agrupacións. O acceso ao antigo campo de futbol de San Xulián pódese facer pola subida ao Lago Castiñeiras desde a Casa de Cultura da Comunidade de Montes.