Carriola.Iria Aboi (*).06.01.23
Despois de ano e medio de protestas, a Plataforma concéntrase simbolicamente ás portas do Hospital Provincial para entregar carbón “dos Reis de Seixo” ao xerente da Área Sanitaria e presentar un escrito para reclamar segundo médico en Seixo de xeito permanente e a tempo completo. Ademais, no Concello de Marín, deixaron carbón para a Alcaldesa María Ramallo na árbore do consistorio por non apoiar as reivindicacións da veciñanza, e rexistraron unha solicitude de información para coñecer as xuntanzas oficiais da Alcaldesa no ano 2022 sobre o Centro de Saúde de Seixo.
Un grupo da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de concentrarse ás portas do Hospital Provincial de Pontevedra para reclamar un segundo médico no Centro de xeito permanente e a tempo completo que cubra a vacante por xubilación que existe dende agosto de 2021.
Fixemos este acto simbólico porque non queremos que esta situación se prolongue por máis tempo, porque quen a sufrimos somos as veciñas e veciños, especialmente as persoas con enfermidades crónicas e as persoas maiores.A veciñanza está farta de non ter médico asignado dende hai 1 ano e medio no cupo do Dr Martín. Tentan calarnos poñendo un remendiño algúns días, pero ao pouco volvemos quedar sen el. Mentres, a xerencia permitiu que o outro facultativo atenda un cupo de 10 pacientes diario pero o problema virá en tres anos cando este facultativo que xa prolongou a súa idade de xubilación, alcance os 70, a idade á que se xubilou o Dr. Martín. Sospeitamos que é unha estratexia para que nos cansemos de pelexar polo segundo médico e para daquela acabar por pechar o Centro de Saúde.”
Denunciamos tamén que, o 19 de decembro, o xerente declarou nos medios sobre as prazas vacantes nesta Área afirmando que hai centros que estaban nunha situación moi precaria e que teñen mellorado rotundamente a súa situación, como o de Marín, sen mencionar Seixo e obviando a situación na que nos deixaron dende hai un ano e seis meses. O Sr. Flores foi responsable primeiro, cando era xerente de todo o Sergas e é responsable agora, como xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés de que esta vacante non se cubra, por iso os Reis de Seixo lle trouxeron carbón, porque segue a negarnos o noso segundo médico e o noso dereito a unha atención médica digna.
Carbón tamén para a Alcaldesa de Marín e novas mobilizacións
A pesar de que este ano o Concello non organizou percorrido dos Reis polas parroquias do rural marinense, o agasallo chegou á Casa Consistorial. A Plataforma deixou carbón dos Reis de Seixo para María Ramallo, na árbore do interior do edificio por non apoiar as reivindicacións da veciñanza nin facer presión contra os recortes ante o seu partido na Xunta.
Foi presentada tamén por rexistro unha solicitude para que se nos conteste por escrito con información da axenda da Sra. Alcaldesa en relación coas xuntanzas oficiais que tivo para tratar a situación do Centro de Saúde de Seixo, onde consten día, hora, asistentes e acordos, e así poder saber as xestións das que tanto presumiu nalgúns medios no 2022 e das que aínda non se mirou resultado ningún.
Comnzamos o 2023 lembrando un problema nacido hai ano e medio e ainda que hoxe viñemos un grupiño, que ninguén dubide que se isto non se arranxa volveremos e organizaremos novas protestas porque a veciñanza esta farta de que se xogue co seu dereito á saúde.
(*) Iria Aboi Ferradás é a portavoz da Plataforma