Carriola.Remitido.25.03.23
Cerca de medio cento de representantes do sector da vivenda participaron no encontro que tivo luga onte no Museo Torres a modo de foro profesional qu se deu en denominar “Marín urbano para vivir” no que se deu un primeiro paso no estudio do potencial que Marín ten de aproveitar a oportunidade de crear nova vivenda no concello
O Museo Municipal Manuel Torres converteuse este venres nun foro profesional e cheo de oportunidades de cara ao potencial desenvolvemento urbano de Marín. A mesa sectorial sobre vivenda “Marín urbano, para vivir” congregou a cerca de 50 persoas do sector da construción, a promoción inmobiliaria, a administración de fincas, a xestión urbana ou a disciplina arquitectónica.
Interviñeron na mesa o director xeral do IGVS, Heriberto García; a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o presidente da delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; a arquitecta municipal, Rosa García; a responsable da oficina ARI do Concello, Ibana Conte, e o xefe de servizo de Urbanismo, Alberto Pensado.
As axudas públicas existentes para a adquisición ou rehabilitación de vivenda foi o late motiv da intervención de Heriberto García, que adiantou que está previsto que no mes de abril xa se firme un novo convenio respecto ás liñas de axudas relacionadas coa eficiencia enerxética nas construcións. O director xeral incidiu na “importancia que ten a participación activa do sector para mobilizar estas axudas” e outras que pon a disposición da cidadanía a administración autonómica.
A accesibilidade tamén é outra liña de reforma que merece apoio por parte da política pública de vivenda, así como os programas específicos para os cascos históricos, como o Rehaluga, co que se conseguen mover vivendas baleiras que poden reactivar espazos de riqueza patrimonial nos municipios, repoboándoos e dinamizándoos.
“Marín ten plena seguridade xurídica para a promoción edificatoria”
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo aproveitou na súa intervención para poñer ao noso municipio como “o exemplo perfecto de como se poden reconducir as cousas en materia de urbanismo”. Dicíao ao abeiro do aniversario dos 11 anos do PXOM de Marín, un documento sobre o que Rivas segurou “non debemos ter medo a aplicarlle modificacións puntuais, porque debe ser unha ferramenta viva”. Rivas cre que Marín dá, por tanto, “plena seguridade xurídica para a promoción edificatoria” e que conta con ingredientes esencias que a dotan de atractivo para atraer inversión privada: “unha economía potente e un nivel de dotacións importante. Esa cidade dos quince minutos da que se fala moito na actualidade xa é unha realidade aquí”, asegurou.
“Toca atraer riqueza para seguir xerando riqueza”
O seguinte en intervir na mesa sectorial foi o presidente da delegación do COAG en Pontevedra, Anselmo Villanueva, que na mesma liña ca directora xeral considera que Marín “ten todo para promover: poboación, dinamismo e demandantes de vivenda”.
Villanueva engadiu que sería importante tamén realizar inversión en vivenda pública e destacou a importancia de desenvolver o Plan Especial para o Casco Histórico, no que se atopa na actualidade o Concello, “xa que será un importante revulsivo” para a rehabilitación da zona vella marinense. Para todo isto, engadiu o arquitecto, “é esencial, coma se está vendo aquí, a colaboración entre as administracións locais e autonómica”.
Case 2.900 posibles novas vivendas
Na súa quenda, a arquitecta municipal Rosa Manzano explicou que segundo o chan urbano consolidado, é dicir, con posibilidade de licenza directa, o noso PXOM calcula a posibilidade de construir case 2.848 vivendas.
Ademais, detallou que nos últimos temos déronse moitas licenzas para vivendas unifamiliares e compartiu cos asistentes á sesión unha serie de fichas exemplocos datos de parcelas que poden ser construidas ou de polígonos que se poden desenvolver.
Tamén interviu a responsable da oficina do ARI, Ibana Conte, que fixo un repaso pola actividade da oficina desde a súa creación, hai tamén once anos, nos cales se chegaron a rehabilitar, total ou parcialmente, 100 edificios.
“O éxito está na colaboración, en unir esforzos”
A alcaldesa, María Ramallo, pechou a sesión agradecendo a todos os representantes do sector a súa asistencia a un encontro “que espero que sexa o primeiro de moitos espazos nos que poidamos compartir o coñecemento e os retos que temos por diante para aproveitar a oportunidade que ten Marín, como territorio punteiro que é, para desenvolverse”.
A rexedora apuntou á importancia de replicar o modelo desta mesa, “no que conseguimos unir sinerxias entre a administración pública, tanto no eido político como no técnico, e o sector privado, porque a clave para que a vivenda en Marín vaia a mellor e evolucione está nesta colaboración, en unir esforzos”.
Ramallo destacou tamén a importancia de contar con documentos estratéxicos como a Axenda Urbana, baixo cuio paraugas se desenvolveu este encontro.