Carriola.Sara.M.P.12.11.21
Nunha xuntanza mantida na tarde do mércores na Casa da Cultura de Ardán quedou constituída unha plataforma para loitar contra a construcción dun parque eólico na comarca do Morrazo.
Tras as diferentes novas xurdidas sobre o interese de ACS de instalar un parque eólico nos nosos montes, veciñas e veciñas de diferentes parroquias da bisbarra constituíronse como plataforma veciñal contra a construcción desta instalación industrial nos nosos montes. Procedentes de diferentes lugares da comarca como Ardán, Cela, Seixo, Santomé, Marín, Bueu, Cantodarea ou Moaña, e baixo o nome de Plataforma Eólicos no Morrazo NON, acordamos levar a cabo as accións que sexan necesarias para a paralización do proxecto que pretende a instalación dun número indeterminado de aeroxeneradores en montes de Santomé, Ardán, Cela e Ermelo. Polo de agora, e sobre todo debido á opacidade coa que se está a levar este proxecto, son estas as parroquias que se verían directamente afectadas, sen que sexa descartable que implique afectacións sobre máis territorio.
Un proxecto, por lóxica, inviable
Desde a Plataforma Eólicos no Morrazo NON!! consideramos absolutamente inviable a instalación dun proxecto destas características no Morrazo. Nunha península dunha altísima densidade poboacional, con núcleos de poboación que se adentran no propio monte, resulta impensable a instalación de aerxeneradores cunha altura de 200 metros pois, ao impacto paisaxístico bestial que tería sobre un espazo de especial beleza e atractivo turístico como son as Rías de Pontevedra e Vigo, engadiríase o elevado impacto medioambiental, a perda de valor dos terreos que se atopen nas proximidades, a merma nas posibilidades de explotación do monte e a afectación a terreos colindantes ao propio parque na denominada zona poligonal, onde será susceptible de ampliarse o parque eólico no nomento no que a empresa así o decida.
Os grandes perxudicados
Pero sobre todo, cómpre pensar no enorme impacto que un parque eólico con muíños que superan os 200 metros vai ter para as máis de 90 mil persoas que vivimos ou disfrutamos da península do Morrazo. Por todas estas razóns, ás veciñas e veciñas que onte nos xuntamos en Ardán, constituímos a plataforma Eólicos no Morrazo NON!!. Convidamos a todos os colectivos do Morrazo que se opoñan a este proxecto a aunar forzas e unirse á plataforma. Os perxudicados somos moitos: entidades deportivas que disfrutan do monte, negocios turísticos, paseantes, explotacións gandeiras, apicultores, comunidades de regantes, comunidades de augas, amantes da micoloxía, propietarios particulares de terreos ou comunidades de montes, verémonos, en maior ou menor medida, perxudicados pola expoliación do noso monte. Nós témolo claro: Eólicos no Morrazo, NON!!